Presentación no MOME do libro/infantil “Chitón ata a Fin da Terra” da autoría de Ángela Fernández Rey e con ilustracións da estradense Anabel Montouto

O Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME) acolleu este venres 28 de setembro, ás 20.30 h, a presentación do conto infantil-xuvenil Chitón ata a Fin da Terra publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Ángela Fernández Rey e con ilustracións da veciña de Oca (A Estrada), Anabel Montouto.

 

No acto, que está aberto ao público ata completar aforo, a autora estará acompañada da ilustradora do libro, Anabel Montouto, do profesor e escritor Carlos Loureiro, do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García e do alcalde da Estrada, José López.

 

A obra

Chitón é un pequeno morcego que desexa voar e ver polo día o que hai fóra da súa cova. Coñece a Gavi, unha gaivota a quen convence para que o leve ver os lugares da zona. Esta, mentres lle mostra as marabillas da contorna de Fisterra, Carnota, Cee, as Illas Loberias…, trata de facerlle entender que a súa vida ten que desenvolverse pola noite.

 

Con este conto, o lector/a poderá subir con Chitón ao lombo de Gavi e gozar desta magnífica excursión onde verá, a vista de paxaro, todo o que eles ven e, cando rematen a lectura, de seguro terá aprendido cousas que antes non sabía.

 

Colaboracións

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, conta coa colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

 

A autora

Ángela Fernández Rey é natural de Ourense. É Técnica Especialista na rama Administrativa e Comercial. Na actualidade reside no Concello de Ames, moi preto de Compostela onde traballa como funcionaria da Xunta de Galicia.

 

En 2012 gañou o X premio Pura e Dora Vázquez de narración infantil e xuvenil, da Deputación de

Ourense, co conto “Por que está triste Miañas?”. En 2016 foi unha das 6 persoas gañadoras do Certame Literario de poesía do Concello de Amoeiro coa poesía “O meu mundo”.

Colabora coa Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos (Teo), como membro do xurado do certame de poesía ANOMAR.

 

A ilustradora

Anabel Montouto é natural de Oca, no Concello da Estrada. Dende cativa, a súa vida estivo ligada á arte: debuxar, pintar, bailar, escribir, ler… Sendo só unha nena, coloreaba os libros de debuxos e, dende entón, xa nunca o deixou. Será en 2014 cando comece a súa formación máis específica estudando a licenciatura de Belas Artes, en Pontevedra.

 

A súa primeira exposición individual tivo lugar en 2015, no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira (Silleda), participando ao ano seguinte, neste mesmo lugar, na mostra colectiva “Dezarte”. Tamén formou parte da exposición “Eu son miña”, no Museo Manuel Torres de Marín en 2016.

 

No ano 2017 colabora realizando unha ilustración para o poemario Versos e bolboretas (publicado por Edicións Fervenza) de Mónica Varela Gestoso pero será con Chitón ata a Fin da Terra cando se encargue de ilustrar todo un conto.

 

 

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta