Saborea A Estrada é una iniciativa posta en marcha dende o Concello coa que se pretende pór en valor e fomentar o consumo de produtos locais. Esta acción, que se celebrará entre o 9 e o 20 de outubro, xirará en torno ao Novo Mercado coas pretensións de facer visibles aos pequenos produtores da comarca e de divulgar os valores ambientais, sociais, culturais e nutritivos que supón para os cidadáns e para o medio ambiente o cultivo de proximidade, segundo anunciou hoxe o concelleiro de comercio, Óscar Durán.
Para garantir estes obxectivos, o vindeiro 9 de outubro, Xosé Manuel Durán encargarase de realizar unha xornada divulgativa nos colexios Pérez Viondi, de Figueroa e da Nosa Señora de Lourdes, onde lles transmitirá aos nenos a importancia que ten o feito de comer de maneira saudable.
O 18 de outubro , a partires das 9:15 horas, os nenos de sexto de primaria dos tres colexios (de entre 11 e 12 anos) elaborarán tres receitas da man do cociñeiro Iván Méndez, baixo o lema Cociña con xente miúda, e de entre as que este elixirá unha pertencente a cada colexio co fin de replicalas e poñelas a disposición do público.
Saborea A Estrada é unha aposta polo produto local, por resaltar os sabores naturais e desmarcalos por riba dos demais, na que se destacarán de forma especial as festas do salmón e da sidra, todo enmarcado co Novo Mercado como telón de fondo, indicou Durán.
O 19 de outubro, a partir do mediodía, Tere Rico elaborará tapas doces e salgadas no Novo Mercado para todos os presentes e o 20 de outubro, a partir da mesma hora, Beatriz Soutelo elaborará un prato doce e outro salgado para os asistentes pondo fin ás xornadas divulgativas de Saborea A Estrada.






































