O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe nun acto de recoñecemento á traxectoria de máis dun cento de policías locais galegos que superaron os 25 anos de servizo.
Á xornada, que se celebrou na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) da Estrada, tamén asistiron o fiscal xefe da audiencia de Pontevedra, Juan Carlos Aladro; o xefe superior da Policía Nacional de Galicia, Manuel Vázquez; o comisario da Policía Autonómica, Fernando Pico; o xefe da Garda Civil, coronel Jorge González Veiga; os xefes das policías locais da Coruña e Carballo, Roberto Mosquera e José Antonio Brandariz; e o alcalde do concello da Estrada, José López Campos.
Durante o acto, tamén se procedeu á entrega de diplomas aos alumnos e alumnas da 10ª promoción de policías locais, así como se fixo entrega de dúas medallas ao mérito da Policía Local a Carlos Pérez Vázquez, de Ourense; e a Juan Castro Delgado, de Vigo. Ademais, a dona e fillos do policía de Carballo José Luis Garea Vales, falecido en acto de servizo, recibiron unha placa individual ao mérito.
Probas selectivas o 11 de novembro
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se fai pública a data para realizar o primeiro exercicio do proceso selectivo unitario para a cobertura de 38 prazas de policía local. As probas terán lugar o próximo 11 de novembro, no recinto feiral de Silleda.
Este ano é a primeira vez que a Academia Galega de Seguridade Pública convoca un proceso unificado para os membros dos corpos de policía local de Galicia. Os concellos que así o desexan poden adherirse voluntariamente a esta iniciativa. Ata agora, teñen asinado o convenio un total de 52 concellos, o que supón o 40% do total de concellos que contan con Policía Local en Galicia.
O proceso para a cobertura de prazas de auxiliares de policía local xa rematou, e a través dela adxudicáronse un total de 109 prazas.

















































