Ximiela estreará o seu novo espectáculo, Raigame, no Teatro Principal da Estrada

A Asociación Folclórica Ximiela estreará o seu novo espectáculo, Raigame, no Teatro Principal da Estrada o día 26 de xaneiro ás 20:30 horas, segundo informou hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla.

Ao igual que aconteceu co seu anterior traballo, estreado tamén na localidade, espérase deste que faga as delicias dos asistentes, afirmou o concelleiro á vez que daba a palabra ao voceiro do grupo, Pablo Seoane.

Este explicou que esta función porá sobre as táboas unha situación tocante á práctica totalidade da poboación galega, como é o tema da emigración. A través da investigación e a transmisión de experiencias dalgunhas persoas do propio grupo e os seus achegados, creouse unha narrativa de historias ficticias, pero con bases reais, que conforman Raigame.

Unha historia que mostra como se mantiña o contacto coa familia mediante unha relación epistolar. Un conxunto de sensacións e sentimentos que o grupo transmite mediante a música e o baile tradicional ao longo de dezasete escenas na que interveñen 64 persoas, tanto dentro como fóra do escenario, aclarou Seoane.

Os dous representantes de Ximiela presentes na presentación, Pablo Seoane e María Mayo, aseguraron que o espectáculo está a ter unha boa acollida e que xa se venderon moitas entradas, polo que esperan encher o teatro o día da función.

Para rematar, o concelleiro lembrou que as entradas atópanse á venda no Departamento de Cultura do Concello a un prezo de 6 euros e animou á veciñanza a acudir á estrea.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta