
Mañá xoves ás 20.00 h, na Casa das Letras, terá lugar a presentación do libro A Matanza do porco escrito polo lalinense Xoán Carlos García Porral e editado por Edicións Fervenza.
O libro desfía, textual e graficamente, todo o relativo á tradición tan ancestral da matanza do porco en Galicia: os seus traballos comezando desde a etapa do cebo ata a curación da carne, o rico e variado vocabulario, as crenzas que hai arredor desta tradición ou os roles que xogan homes e mulleres no ritual da mata. Trátase, pois, dunha investigación feita desde un punto de vista antropolóxico, etnográfico, lingüístico e cultural.
Como doutor en antropoloxía social, a traxectoria investigadora de Xoán Carlos está ligada ao patrimonio histórico e cultural da comarca do Deza, pero nesta publicación recolleu tamén información doutras vilas de Galicia, entre elas A Estrada.
No acto intervirán, ademais do autor, a profesora Mónica Mato, o normalizador do Concello Xosé Lueiro e o concelleiro de Cultura Juan Constenla. Ao remate do acto, o escritor asinará exemplares da publicación.






































