
O PSOE propón a creación dunha Mesa de seguimento do
Covid-19 no Concello da Estrada. En palabras do voceiro municipal, “Vimos
mantendo conversas informais co Goberno sobre a situación e as medidas a
tomar, pero xa se fai necesario darlle oficialidade. Esta mesa debe servir
para valorar a eficacia das medidas tomadas polo Goberno e para que os
membros da mesa acheguen as súas propostas”. López Bueno xustifica a
súa necesidade “na incerteza sobre a duración do estado de alarma. Vén de
ser prorrogado durante 15 días máis e non sabemos se haberá novas
ampliacións. Convén crear a mesa para ter un órgano que permita a
participación dos seus membros de xeito oficial”.
Os socialistas aseguran que “esta iniciativa xa foi comentada co goberno e
co resto de forzas. Rexistramos a proposta para que se abra un expediente
e o goberno tome unha decisión. Nós pensamos que a pertinencia da
creación da mesa é evidente”.
Propoñen que esta mesa se reúna con periodicidade semanal e de xeito
presencial “cumprindo rigorosamente as medidas de seguridade, aínda que
deixamos aberta a posibilidade de participación telemática, xa que existen
medios suficientes para facelo”.
López Bueno valorou que “o estado de alarma colleu a todas as
administracións co pé cambiado, non había unha preparación previa. Neses
momentos, é obvio que resultaba necesario favorecer a axilidade do
goberno para adaptarse ás novas circunstancias, e así o fixemos. A
ampliación do estado de alarma fai necesaria a creación dun órgano coma
este”.
O voceiro socialista tamén recorda que “é importante que as medidas que
se tomen conten co consenso de todos, incluídos aqueles que as deben
aplicar. A mesa que propoñemos incluirá tamén aos membros das forzas de
seguridade en sentido amplo. Non se inclúe aos sanitarios porque a súa
situación e distinta, pero é evidente que a mesa deberá ter en conta o plan
sociosanitario para aquelas medidas que lle afecten dun xeito ou doutro á
sanidade e a servizos sociais”.
López Bueno agarda contar co apoio do resto de forzas políticas apelando á
súa “responsabilidade”. “A unidade é chave para que a xestión da situación
sexa eficaz e eficiente. Débense ter en conta todas as sensibilidades á hora
de fixar os obxectivos e as prioridades”.






































