O rural da Estrada non é a Gran Vía madrileña

 

No rural non se pode facer deporte con seguridade nos horarios marcados polo goberno central, non están adaptados á nosa realidade social e á nosa forma de habitar o territorio

Os horarios que marca o goberno central para facer deporte ou pasear son un sinsentido nun concello no que a maior parte dos seus veciños e veciñas viven no rural. Estas normas poden ser acaidas para a vila ou para unha cidade para evitar aglomeracións, pero no rural é improbábel que se dean e polo tanto estas normas carecen de sentido, dada a dispersión territorial que caracteriza o noso concello en particular e a Galiza en xeral.

A este disparate temos que engadir dous problemas graves de seguranza vial que afectan o noso concello. Por unha banda a iluminación. Ás 6 ou 7 da mañá non se pode facer deporte no rural de xeito seguro pola falta de iluminación, e o mesmo podemos dicir ás 10 e 11 da noite, que son as franxas horarias marcadas polo goberno central. E por outra banda os viais do noso rural carecen de arcéns, polo que aumentan as dificultades para facer deporte de xeito seguro e tamén pasear.

Por outra parte, tampouco ten sentido a delimitación provincial nas normas de desconfinamento. Hai veciños e veciñas do val de Vea fan a compra e xestións bancarias en Pontevea, que está no que o goberno central chama provincia da Coruña, e con estas normas non poderían cruzar o Ulla. Outro tanto pasa en Barcala e Santa Mariña, que manteñen moita relación con Padrón.

Como afortunadamente non todos e todas vivimos na Gran Vía madrileña, o goberno municipal debería trasladar ao Goberno central unha queixa formal do noso concello por deseñar unhas normas de desconfinamento que non se adaptan a nosa realidade social e á nosa forma de habitar o territorio. Por outra parte, o alcalde da Estrada debe instar ao presidente da Xunta a que lidere un desconfinamento galego e pactado coas forzas política no Parlamento Galego. Un desconfinamento feito desde nós.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta