Sabucedo reúne a 70 bestas das Lamas e A Conla para a desparasitación, rapa e marcado noutra xornada de coidado

 

A Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo
celebrou onte, durante todo o día, a segunda xornada de coidado das bestas no monte, unha medida coa que se pretenden suplir as tarefas que se fan durante a festa de comezos de xullo –cancelada este ano por seguridade sanitaria– e coa que se pretende garantir o seu benestar.
Así, e tras 12 horas consecutivas de traballo nunha xornada que comezou ao amencer en torno ás 7.30, un cento de persoas, principalmente veciños de Sabucedo e estreitos colaboradores de aldeas próximas, estivo a percorrer as zonas das Lamas, A Conla e o pé do Cávado e conseguíu reunir a 70 bestas das mandas que habitan nestes espazos.
Tras esta labor, que incluíu a captura de garañóns como Jano, Solitario e Tempranillo, as eguas foron trasladadas ata o antigo peche das Lamas, onde se procedeu ao marcado con microchip dunha decena de poldras deste ano con persoal veterinario, á desparasitación interna de toda a cabana, algunhas rapas de crinas nas bestas que máis o precisaban e ao control e cambio de cabalos quincenos co obxectivo de favorecer un mellor desenvolvemento das mandas.
A xornada foi algo menos extensa ca do domingo anterior pero repetíuse o formato de comida campestre, que cumpríu escrupulosamente cos protocolos sanitarios, para tentar aproveitar o día e todas as horas de sol a pesares da intermitente néboa e a poalla.


A intención da Rapa das Bestas e da veciñanza de Sabucedo é continuar con estas mesmas tarefas ao longo das vindeiras semanas noutros montes da contorna, en base á dispoñibilidade da xente, para extender estas medidas de benestar e coidado ás mandas que aínda non se beneficiaron destas accións, xa que polo momento tratouse a unhas 150 eguas da cabana do Santo.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta