Bota a andar o novo curso da Escola Municipal de Artes Escénicas dos grupos infantil e xuvenís

Comprácenos comunicarvos que o novo curso da Escola Municipal de Artes Escénicas dos cursos infantil e xuvenís botará a andar mañá sábado 17 de outubro entre unha xeira de medidas de seguridade. Entre elas, o traballo en grupos reducidos, con máscara, saída escalonada, limpeza de mans  á entrada e á saída e distanciamento de 2 m. Paula Quintas, Marta Alonso, Arturo Cobas e Xosé Lueiro serán os profesores encargados de impartir as distintas disciplinas do curso que van desde o teatro danza, á improvisación, o mimo e o musical.

Entre as 10.30 h e as 14.15 h, os 51 alumnos dos grupos infantil e xuvenís da Escola erguerán o pano dun exercicio lectivo que se verá referendado no mes de xuño coas respectivas exhibicións de fin de curso.

Pola súa banda, o Grupo de Adultos oferta 4 prazas a todas aquelas persoas maiores de 18 anos que estean interesadas en iniciarse no mundo da interpretación e das artes escénicas. Os interesados poden poñerse en contacto co Departamento de Cultura do Concello da Estrada.

 

Compárteo!

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta