Militantes do BNG da Estrada trasladaron na tarde de hoxe unha queixa a Naturgy, operadora eléctrica dominante no noso concello, en protesta polo elevado custe da enerxía eléctrica e polo pésimo servizo prestado, en especial no rural, que se fai máis evidente en períodos de temporal como os que estamos a vivir nos últimos días.
O BNG entende que a enerxía eléctrica é un ben de primeira necesidade a través do cal podemos dende conservar alimentos, medicinas, comunicarnos, ter auga, cociñar ata prover de calor ao fogar. É unha das ferramenta que dotan de dignidade ao ser humano na sociedade actual.
O Pacto Internacional dos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de 1966 no seu artigo 11 recolle o dereito ao acceso á enerxía para a cociña, a iluminación e a calefacción. No ano 2015 a ONU aprobou a axenda 2030 sobre o desenvolvemento sostible e no artigo 7 garante o acceso a unha enerxía asequible, segura, sostible e moderna para todos.
A recente suba da factura da luz, de entre un 20 e un 30% no primeiro tramo de xaneiro e en plena onda de frío, contradí todo o exposto anteriormente. Nun momento de crise económica con un índice de paro do 16,20% no estado español e dun 15,08% no concello da Estrada, así como a precarización laboral da meirande parte das persoas, que aínda tendo un traballo, sofren moitas dificultades para chegar a fin de mes, fan moi difícil o acceso ao que, acabamos de comprobar, é un dereito humano básico. Non é menos importante que no actual momento de pandemia sanitaria, no que a meirande parte da poboación se ve obrigada a pasar máis horas nos seus fogares, a dificultade de acceso á electricidade pode ter como consecuencia un deterioro na saúde tanto física como psicolóxica.
Por outra parte, non podemos esquecer que en Galiza sufrimos as consecuencias da depredación dos nosos recursos por parte das eléctricas (encoros nos ríos, muíños de ventos nos montes), sen que iso teña unha compensación no prezo da electricidade que pagamos os galegos e as galegas. Ademais, tamén sufrimos continuos cortes eléctricos en canto caen catro gotas ou fai algo de vento -vímolo estes días-, froito dunha infraestrutura de mala calidade e peor mantida.
Desde o BNG, entendemos que suba da factura eléctrica é un atentado ao benestar da meirande parte da sociedade. A marxe de beneficios das empresas xeradoras de enerxía eléctrica dispárase ao utilizar o sistema marxinalista no que pagamos toda a enerxía ao prezo da central máis cara aínda que esa sexa unha mínima parte da que consumimos. A marxe de beneficios das empresas, anteriormente citada, nunca debe ir en detrimento do benestar das persoas, é por iso que rexeitamos estas practicas por consideralas abusivas.
MOCIÓN RECLAMANDO A BAIXADA O IVE DA ELECTRICIDADE
Por outra parte, a organización nacionalista tamén rexistrou unha moción no concello, para exixir do goberno español a a baixada do IVE na factura eléctrica do 21% ao 4%, o que reduciría notabelmente o custe da electricidade, que é un ben de primeira necesidade. Ademais, o BNG tamén pide eliminar os suplementos territoriais da tarifa eléctrica, que ten un peso importante no custe da electricidade, especialmente no noso país, onde pagamos a electricidade máis cara do Estado, a pesar de ser produtores desta enerxía.







































