O Camiño da Geira e dos Arrieiros quedará arrasado en Santa Cristina e Cora

Hoxe os medios de comunicación recollían a foto de dous concelleiros do goberno municipal do PP colaborando coa sinalización do Camiño da Geira e dos Arrieiros que discorre pola Estrada. A concelleira do BNG, Susana Camba, afirmou que «se a foto ten algo de positiva, é porque é a primeira vez que vemos traballar aos concelleiros do PP».

«Está claro que teñen boa intención», engade, «mais o que non contan, nin eles nin o alcalde, é que o Camiño da Geira quedará arrasado cando menos en tres puntos pola ampliación da AG-59 ao seu paso por Santa Cristina de Vea e Cora». «Neses tres puntos, un deles é no Rollo», engade, «a autovía pasará literalmente por enriba do Camiño da Geira e dos Arrieiros que vén de Braga».

«Estaría ben que o alcalde explicara como vai facer a Xunta para protexer un camiño histórico, que a propia administración non recoñece como tal de momento, e que tanto empeño poñen os seus concelleiros en sinalar», afirma.

«Por outra parte», indica a concelleira nacionalista, «o alcalde tamén terá que darlle explicacións á Asociación Codeseda Viva, que fixo un intenso e meritorio traballo de estudo e divulgación do camiño, que agora vai quedar sepultado en Santa Cristina e Cora pola ampliación da AG-59».

A concelleira nacionalista tamén reitera que o deseño deste proxecto de ampliación «é negativo para o noso concello, xa que liquida terras agrarias, arrasa patrimonio natural, cultural e etnográfico posto en valor con fondos europeos, divide parroquias… un despropósito». «É curioso, en 2009 a Xunta barallaba dúas alternativas para a ampliación da AG-59 á Estrada e goberno de Feijóo escolle o peor, coa complicidade do alcalde», afirma.
 
 
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta