O PSOE da Estrada vén de rexistrar unha moción para que se
redacte un Plan de Mantemento de Infraestruturas Municipais. O líder
socialista, Luis López Bueno, considera necesario redactar un documento
que recolla as actuacións que hai que realizar nas parroquias e en todos os
edificios municipais. Explica que “o documento debe fixar un calendario de
tarefas, e débese cumprir”.
Os socialistas propoñen que sexa o persoal do Concello o que redacte o
devandito plan, unha decisión que parece lóxica tendo en conta o
coñecemento do entorno e tamén o aforro de recursos que supón para o
Concello “en vez de entregarlle milleiros de euros a unha consultora”.
López Bueno considera que esta necesidade “non se pode aprazar máis” xa
que o practicamente non se realiza mantemento nas parroquias e que os
desbroces que se realizan son “claramente insuficientes”. O socialista
continúa argumentando que “un desbroce ao ano non resolve a obriga que
ten o Concello de asumir a limpeza viaria, nin garante a salubridade”. Indica
que “o Concello ten capacidade económica de sobra para asumir (polo
menos) unha ronda máis en cada parroquia”.
O voceiro socialista considera que é “inadmisible” que o PP lle faga caso
omiso ás demandas dos veciños e veciñas que levan “anos” trasladándolle
ao Concello as deficiencias no servizo de mantemento do rural. Tamén ve
“un clamor” sobre o abandono das parroquias durante a última década,
onde o principal responsable é López Campos. Con ese panorama, o
socialista só ve unha saída razoable, que é a redacción do documento
obrigue a realizar as tarefas “nun lugar e data determinados”.
Ademais, na moción rexistrada, o PSOE reclama actuacións sobre a rede de
contedores de reciclaxe nas parroquias. López Bueno valora que nas
parroquias “non existe a reciclaxe de papel, plásticos e vidro”, e apunta a
que “na vila tamén hai problemas coa recollida de plásticos”. Nese sentido,
aféalle ao goberno que non fora capaz de sacar adiante o seu
“anunciadísimo” prego de contratación para o lixo.
Ademais diso, considera que o estado dos edificios municipais é “nefasto” e
culpa ao PP porque as deficiencias veñen provocadas pola falta de
mantemento, como acontece coas humidades da Casa das Letras. Segundo
os socialistas o Plan de Mantemento tamén debería contemplar as
actuacións necesarias para pavillóns, escolas unitarias e outros edificios
municipais.
López Bueno afirma que tanto as asociacións de veciños como os equipos
directivos dos centros de ensino teñen que chamar “decenas de veces” ao
Concello para resolver tarefas rutinarias como o mantemento das zonas de
recreo, cuestión que é “inadmisible dun goberno municipal decente”.
O líder socialista tamén considera que a “fuxida a Madrid” do Concelleiro de
Rural, Juan Constenla, empeorou a situación dos veciños. Agora non existe
un concelleiro de rural que reciba aos veciños, “só o fai cando lle apetece”.
Tamén lle afea que non asistira ao derradeiro pleno ordinario do Concello,
onde se lle trasladan “demandas dos veciños e veciñas, moitas das áreas
que el manexa”
O PSOE PROPÓN A REDACCIÓN DUN PLAN DE MANTEMENTO DE INFRAESTRUTURAS
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.






































