Mañá xoves, ás 20.30 h da noite, o profesor e escritor lalinense Xoán Carlos Porral presentará no Museo do Moble e da Madeira un libro sobre a matanza do porco titulado A Matanza do porco, cultura e tradición, que foi publicado pola editorial Fervenza.
Como doutor en antropoloxía social que é, Xoán Carlos está especializado no estudo dos modos de vida tradicional vinculada á comarca do Deza, pero no caso deste libro recolle a oralidade da tradición da mata procedente doutras vilas de Galicia, entre elas, A Estrada.
O traballo recolle desde a etapa de cebo do animal ata a curación da carne. Todo isto sen deixar de lado aspectos relacionados co significado festivo deste acontecemento que reunía a familiares e amigos arredor dunha mesa. Trátase, por tanto, dunha investigación feita desde o punto de vista antropolóxico, etnográfico, lingüístico e cultural.
A entrada ao acto será totalmente de balde ata completar as 45 localidades da sala.







































