LÓPEZ BUENO ASEGURA QUE O ORZAMENTO DA XUNTA PARA 2022 “ESQUECE” AS NECESIDADES ESTRATÉXICAS DA ESTRADA

O PSOE da Estrada valorou negativamente os
orzamentos que a Xunta de Galicia propón para o ano 2022. O voceiro do
Grupo Municipal Socialista, Luis López Bueno, entende que o orzamento
“esquece por completo as necesidades estratéxicas do Concello da Estrada”
e ratifica que “non se pode contar coa Xunta para o que realmente lle
importa aos veciños e veciñas”.
López Bueno considera moito máis importante “o que non hai” que as
partidas que si aparecen no orzamento. Os socialistas da Estrada
presentaron enmendas que xa foron debatidas no Parlamento de Galicia e
que remataron sen acordo do PP. Entre esas enmendas figuraba a
ampliación do Polígono Industrial de Toedo, traballos de conservación no
Centro de Saúde antigo, melloras en viais titularidade da Xunta, sinalización
e conservación dos camiños de Santiago e a finalización das parcelarias do
Val do Vea II, Arca – Nigoi e Codeseda.
En total representaban máis de 2 millóns de euros en investimentos no
Concello.
Ampliación do Polígono Industrial de Toedo
Para o líder socialista é “gravísimo” que a Ampliación do Polígono Industrial
de Toedo non conte cunha partida no orzamento da Xunta. López Bueno
apunta a que a creación de solo público industrial “debe ser a prioridade
número un de calquera goberno deste Concello”. Asegura que “estamos
asistindo a un auténtico drama industrial, os emprendedores estradenses
están obrigados a asentar fóra da Estrada as súas empresas porque aquí
non hai oportunidades economicamente viables”.
Tamén valora negativamente a actitude “cómplice” do alcalde coa Xunta de
Galicia. Para López Bueno “o conformismo de López Campos é inaceptable”
e considera que “os veciños e veciñas merecen un alcalde que loite polos
intereses da Estrada, e máis no ámbito industrial”. Valora que o alcalde
tampouco está á altura do reto industrial da Estrada, xa que a única
aportación do alcalde neste asunto foi “prometer que a Cidade do Moble
sería o Ikea Galego”.
O socialista instou ao alcalde a cambiar de socios á hora de desenvolver o
potencial industrial da Estrada. López Bueno ve “esgotada” a vía da Xunta
de Galicia e considera que “é a hora de abrirse a entidades como Zona
Franca de Vigo e Suelo Empresarial del Atlántico, que si están cumprindo
cos Concellos”. Entende que os datos falan por si mesmos, “mentres Zona

Franca destinou en 2020 máis de 60 millóns de euros a desenvolvementos
de solo industrial na provincia, a Xunta unicamente contempla 1,5 millóns
en 2022, que irán para a quinta fase do Lalín 2000”. Sentenciou que “A
Estrada non pode agardar nin un minuto máis pola Xunta”.
Nese sentido, apuntou que a situación demográfica e do emprego
“evolucionan moi mal”, e tildou de “dramático” o éxodo de poboación entre
25 e 40 anos que está a padecer o Concello. “A xente en idade de traballar
está marchando a onde hai traballo, e na Estrada hai pouco”.
Considera “fundamental” o solo industrial público para que as empresas
locais teñan menos atrancos para medrar e tamén para atraer
investimentos produtivos que xeren emprego “e movemento na economía
local”.
AG-59, o conto de nunca acabar
Ademais tamén ve “ridícula” a partida destinada á autovía AG-59 e vaticina
que o 2022 será “outro ano de parálise”. López Bueno opina que no ano que
entra “non veremos nin un metro máis de asfalto” e xa irán 12 dende que
Agustín Hernández anunciara o primeiro proxecto de ampliación.
O líder socialista ve “incomprensible” que a Xunta non entenda que “o
futuro da Estrada pasa pola autovía”, e considera que o proxecto recortado
que pretende executarse “non será suficiente”. Tamén considera “pouco
intelixente” que o alcalde consinta que ano tras ano aparezan partidas
orzamentarias para a AG-59 que “non se chegan a executar”.
Outras enmendas
López Bueno admite que este ano a Xunta incorporou ao orzamento algunha
das enmendas que veñen presentando os socialistas dende hai anos, como
é o caso do Desdobre da Traída do Umia, aínda que lamenta que tiveran
que pasar tantos anos para que a presión política e veciñal dera os seus
froitos. Tamén critica a actitude de López Campos respecto desta actuación,
que prometeu en incontables ocasións.
Outras enmendas presentadas polos socialistas foron as melloras de firme e
ancho de vía nas estradas PO-213 e PO-214, que son “dúas das estradas
máis perigosas que ten a Xunta en todo Galicia”.
Igualmente solicitaron actuacións de conservación no Centro de Saúde
antigo, que precisa “urxentemente” reparacións para non converterse
nunha ruína en pleno casco urbano.
Tamén solicitaron a sinalización dos camiños da Geira dos Arrieiros e Miñoto
– Ribeiro a cargo do orzamento da Xunta, xa que en ano Xacobeo entenden

que debe ser a autonomía quen financie estas actuacións e así “aforrarlle
cartos a todos os estradenses”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta