O Teatro Principal da Estrada acolle o xoves 16 de decembro, ás 20:00 h, a presentación do libro infantil “Nobelo de luz” publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Charo Golmar.
En dito acto, a autora estará acompañada polo normalizador lingüístico do Concello da Estrada, Xosé Lueiro; o profesor e escritor Xosé Luna; o tamén profesor e escritor Carlos Loureiro; a ilustradora da obra, Amalia López Brea “Luchi”; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; e o alcalde do Concello da Estrada, José López Campos.
Na presentación contaremos con acompañamento musical a cargo de Manoele de Felisa e tamén un recitado poético.
A obra
Nobelo de luz é un emotivo poemario que se nutre da experiencia persoal da escritora como docente. Un relato versificado en primeira persoa de alguén que, dotado de capacidades diferentes e con dificultades para expresarse, soña con poder ser comprendido.
Nobelo de luz quere ser esperanza, abrir os ollos e concienciar á sociedade de que outro mundo mais comprensivo debe ser posible.
Nobelo de luz segundo palabras de Xosé Luna, autor do limiar, “é unha lección de vida para comprender que todos somos diferente(mente) iguais”.
Colaboracións
Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración do Restaurante Enxebre Porta do Sol de Lamela e da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
A ilustradora
Amalia López Brea, “Luchi” (Lamela, Silleda, 1968). Licenciada en Bioloxía e diplomada en Maxisterio é unha apaixonada da pintura. A súa obra abarca óleos, acuarelas, pasteis graxos, carboncillo e lapis de cor.
Participou con ilustracións en distintas publicacións tanto no campo musical como infantil e de adultos: no disco-libro Cantos para nenos e nenas de María do Ceo; Cartafol poético da Porta do Sol de Lamela; no poemario infantil Versos e bolboretas de Mónica Varela Gestoso (Edicións Fervenza); no disco-libro A Estrada da vida de Xosé Luna e Manoele de Felisa; no poemario Zapatos máxicos de Fernando González Graña (Edicións Fervenza); no poemario Un mundo quentiño de Mónica Varela Gestoso (Edicións Fervenza); e no libro O Naranxo no Trasmundo de Inma Vilariño (Edicións Fervenza), ademais da obra que se presenta, o libro infantil Un nobelo de luz de Charo Golmar (Edicións Fervenza).
A autora
Mª del Rosario Golmar Saavedra nace no lugar de Vila, na parroquia de Santiso (Lalín). É filla de María Saavedra Saavedra e de Xesús Golmar Rodríguez. Seguindo os pasos do pai, mestre e escritor galeguista, estuda Maxisterio en Santiago e dende 1983 traballa en distintos lugares da nosa xeografía. Actualmente é mestra en Lalín, no colexio que leva o nome de seu pai, o CEIP Xesús Golmar.
Dende sempre estivo vinculada ao mundo da literatura e da cultura, pois colaborou en obras colectivas e participou en actos de recoñecemento a persoas relacionadas con estes ámbitos. A día de hoxe é membro do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas.
Dende cativa escribiu na intimidade e son poucas as veces nas que se decide a facer públicos os seus escritos. Non obstante, en 1979 gaña o 1º premio nun concurso de poesía convocado polo IES Ramón Mª Aller Ulloa e no 2005 escribe o prólogo da biografía que sobre o seu pai Xesús Golmar escribe Manuel Igrexas.
Nos últimos anos participou en diversas obras colectivas como Libro dos Reis Magos (2012), Homenaxe a Manuel María (2015-2017), Homenaxe a Olimpio Arca Caldas (2016) e Pico Sacro ferido polo lóstrego e a lenda (2017).
Será o 2019 o ano do cambio ao ser elixida membro do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas, exercer como pregoeira das Letras Galegas no Concello da Estrada e quedar finalista no VII Certame de relato curto que organiza a FANPA de Pontevedra.
O poemario infantil Nobelo de luz é a súa primeira publicación.
Seguridade covid
Polas circunstancias covid, o acto estará condicionado polas medidas necesarias para que se fagan respectar as distancias de seguridade, sendo obrigatorio o uso de máscara. Por iso, prégase ao público que se achegue 30 minutos antes do comezo para evitar aglomeracións, pois a entrada é libre ata completar o aforo.







































