O alcalde da Estrada, José López, acompañado do concelleiro de Facenda, Alberto Blanco, presentaron onte os Orzamentos para o ano 2022, que ascenden a 19.637.440 euros, case seis millóns máis que a conta do ano pasado, que fora de 13.701.182,40 euros. Este espectacular incremento é posible grazas a un préstamo de 4,5 millóns que o goberno local solicitará para permitir o incremento do investimento.
José López comezou a intervención explicando que a suspensión da regra de gasto permite un Orzamento «realista e ambicioso» para este ano e «con visión para os próximos anos». De feito, informou de que o Goberno estradense apostará polos fondos europeos Feder, que a finais deste ano reabrirán as convocatorias para un novo sexenio, 2021-2027. Outra das apostas do equipo de José López nesta conta, que se debaterá o xoves 3 de febreiro no pleno ordinario, é a actualización da Relación de Postos de Traballo (RPT), que contempla un incremento da masa salarial do capítulo 1 de gastos correntes do 12%. En total, 718.000 euros máis con respecto a 2021 (de 5.658.162,64 euros a 6.376.165,85) que se destinarán á suba salarial dos empregados públicos.
En canto ao capítulo 2 do gasto corrente, a partida destinada ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) incrementarase en 170.000 euros. Así, serán 1.057.000 euros «para dar cobertura a persoas dependentes de grao 3». López explicou que este incremento tamén é posible polo incremento dos cartos que a Xunta achega por cada hora de servizo, que pasa de 9,60 a 11 euros. Non obstante, o rexedor insistiu en que este servizo é competencia da Administración autonómica, pero que non está financiado na súa totalidade.
Por outra banda, no capítulo 2 tamén se inclúe, entre outras cuestións, unha achega de 40.000 euros para o obradoiro de emprego para rematar a praia fluvial e outra de 500.000, que diminúe en 300.000 euros, para o alumeado público. En total, este capítulo 2 pasa de 6.467.000 euros a 7.297.000.
Pero «se hai un cambio importante, non é á marxe dos investimentos», subliñou López, onde «queremos ser o máis ambiciosos posible» e cara a onde irá o préstamo de 4,5 millóns de euros. Con estes cartos a Deputación acometerá melloras no Camiño de Santiago; poñerá en marcha un espazo multifuncional para o sector primario do municipio (sidra, arándanos, maceiras, oliveiras…), no que se potenciará a innovación e a posta en valor do produto; desenvolverase a sinalización das zonas de estacionamento; Reformaranse edificios para destinar vivendas a vítimas de violencia machista e persoas con dificultades económicas; Recuperaranse zonas verdes e melloraranse as pistas de tenis e pádel. Así mesmo, investiranse 145.000 euros para cofinanciar o abastecemento de auga a Tabeirós e Nigoi grazas ao desdobramento do Umia, que dará servizo a máis de 400 persoas. Por outra banda, 1.253.000 euros reservaranse para cofinanciar proxectos europeos.










































