LÓPEZ BUENO PEDIRÁ EXPLICACIÓNS SOBRE O CAOS NA
ORGANIZACIÓN DO ESPECTÁCULO DE “EL LIBRO DE LA SELVA

O voceiro socialista acusa ao Alcalde de “non facer o seu traballo” e
califica de “bochorno” a denegación do alugueiro das instalacións
da Fundación de Exposicións.

Luis López Bueno pediralle explicacións ao Concello sobre o
caos organizativo do espectáculo “El libro de la selva” que a compañía El
circo de los niños pretendía levar adiante na Fundación de Exposicións e
Congresos da Estrada.
O propio representante de El circo de los niños acusou ao Concello da
Estrada de denegar o permiso o venres á tarde, logo de levar varios días
tratando o alugueiro dun espazo na Fundación de Exposicións e ter
publicitado e vendidas as entradas para o evento.
López Bueno ve como única explicación razoable que o alcalde, que ten as
competencias executivas da Fundación, “simplemente non fixo o seu
traballo”.
A solicitude estaba tan avanzada que a propia compañía anunciara xa a
Fundación como o espazo que acollería o evento. Aínda así, para sorpresa
dos asistentes, ao chegar á Fundación atopáronse cun cartel na porta onde
se advertía do traslado do espectáculo ao restaurante Samaná.
O voceiro socialista considera “inadmisible” que a Fundación e o Concello
deban asumir este “bochorno” por culpa do seu responsable político, e
lamenta profundamente que o alcalde deixara quedar á Estrada “á altura do
betún”. Vaticina que isto terá consecuencias para os estradenses porque “o
normal é que este caos provoque que outras compañías descarten vir á
Estrada”.
Ademais, López Bueno considera “inaceptable” que hai uns meses se
organizara un festival con centos de asistentes “sen que o Concello puxera
ningunha traba, como debe ser”, pero que agora o PP se “despreocupara”
por outro espectáculo con máis de 250 entradas vendidas.
O portavoz ve tamén “falta de organización” dentro do grupo de goberno,
xa que este “descoido” do PP “non é o primeiro nin será o último”, e
considera que este tipo de erros e falta de coordinación “son tónica
habitual” do actual grupo de goberno.
López Bueno tamén lamentou que o PP estea máis preocupado de contratar
persoal de Wecom (cuxo responsable foi Director de Campaña do PP en
varias eleccións municipais) que de facer o traballo que se lle supón a un
goberno serio. A este respecto, o socialista indicou que o Alcalde está moito
máis preocupado de lavar a imaxe do seu goberno desastroso que de
resolver os expedientes que os veciños tramitan no Concello.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta