A Escola Infantil Municipal (EIM) de Figueiroa recibiu 34
solicitudes de novo ingreso para o curso escolar 2022-23, do total de 45 prazas ofertadas.
Concretamente, das 16 prazas dispoñibles para nenos/as de 0 a 1 anos de idade
solicitáronse oito; para as sete prazas dispoñibles de 1 a 2 anos de idade recibíronse 20
solicitudes; e para as 22 prazas ofertadas de 2 a 3 anos de idade recibíronse seis.
A concelleira de Educación, Amalia Goldar, sinalou que, a pesares de que no tramo de 1
a 2 anos de idade rexistráronse 13 solicitudes máis que o número de prazas ofertadas, a
Xunta de Galicia permite redistribuir os/as cativos/as en máis grupos “sempre e cando o
número total de solicitudes non supere a capacidade do centro”, como é o caso. Ademais,
salientou que “ningunha familia quedou fóra nos últimos anos”.
Unha vez estudadas as solicitudes, elaboraranse as listaxes de admitidos utilizando o
baremo establecido conforme aos seguintes datos: o número de fillos da familia, a
presenza de irmáns no centro, os ingresos dos proxenitores e a súa situación laboral. As
listaxes coa puntuación obtida por cada unha das familias solicitantes serán expostas na
páxina web do Concello da Estrada e nos taboleiros de anuncios do consistorio e da
propia Escola Infantil Municipal de Figueiroa.
Unha vez que se publique a relación de admitidos/as, as familias interesadas terán un
prazo de 10 días para presentar alegacións e, rematado este período, poderán formalizar
a matrícula dos menores.
A Escola Infantil Municipal de Figueiroa recibe 34
solicitudes de novo ingreso para o curso 2022-2023
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.






































