LÓPEZ BUENO ESÍXELLE AO PP “AVANCES” SOBRE O CENTRO DE
SAÚDE DA AVENIDA DE SANTIAGO

Luis López Bueno esíxelle ao PP avances sobre o centro de
saúde da Avenida de Santiago. O voceiro socialista afirma que o PP tivo
tempo “máis que suficiente” para aclarar cal é a situación xurídica do
edificio e “avanzar” na hipotética reversión ao patrimonio municipal.
O socialista ten claro que A Estrada ten que fixar como prioridade recuperar
o edificio do Centro de Saúde antigo para crear un Centro Integral de
Atención Social. Considera “fundamental para o futuro” dotar de
instalacións decentes aos Servizos Sociais que ofrece o Concello e poñerse
en posición de ampliar prazas e incorporar novos servizos. Ademais diso, ve
“urxente” mellorar a calidade da asistencia, que agora mesmo se dá en
espazos “pouco axeitados” como o piso cedido na Benito Vigo ou o Novo
Mercado.
López Bueno considera que a pouca capacidade de traballo dos concelleiros
do PP provoca que o edificio continúe deteriorándose, encarecendo así a
reforma que necesita para acoller servizos municipais. “É inadmisible que
ningún dos 12 concelleiros do PP se preocupe de verdade por este asunto”,
afirmou.
Recordou que o PP unicamente foi capaz de desinformar aos veciños e
veciñas sen que conste ningunha consulta cos órganos competentes para a
posible reversión, compra ou cesión do edificio ao Concello. A falta de
dilixencia do PP foi combatida polo Grupo Municipal Socialista, que si fixo os
deberes e desmentiu que a Adminsitración Xeral do Estado fora esixir
prezos de mercado pola cesión ou compra das instalacións.
Tamén ve “preocupante” que dentro da débeda de 8,5 millóns de euros coa
que rematará o Concello no exercicio 2022 non haxa “nin unha soa partida
para a reforma do centro de saúde antigo”. Na súa opinión, isto deixa claro
que o PP pretende “deixalo en ruínas” e valora que “o PP non ten ningunha
idea propia para darlle utilidade ao edificio e revitalizar esa zona da vila”.
López Bueno indicou tamén que a proposta socialista “é a mellor opción”
por varios motivos:
1.- As instalacións da Avenida de Santiago contan cunha superficie
construída superior aos 2.000 m2. Esa superficie permite acondicionar
espazos máis que suficientes para acoller no mesmo edificio os Servizos
Sociais que presta o Concello actualmente. É a mellor opción entre as
posibles xa que outros edificios contan cunha superficie construída moito
menor: Xulgado 1 (530m2), antigo edificio do INEM (291 m2) e Xulgado 2
(arredor de 200 m2).
2.- Ademais diso, permitiría aumentar o número de prazas en todos os
programas. Tamén poñería ao Concello en disposición de incorporar novos
servizos á carteira de Benestar Social.
3.- Axudaría a revitalizar unha área da vila que notou a nivel social e
económico o traslado do Centro de Saúde. É unha área con espazo
suficiente para a comodidade dos usuarios e familiares.
4.- Custo económico asumible polo Concello. A reversión do edificio
permitiría recuperar o edificio sen ningún custo. En calquera caso, a compra
ou cesión nunca estarían suxeitas a prezo de mercado e sería sinxelo de
encaixar a nivel económico. A titularidade ou cesión do inmoble permitiría
acceder a financiamento doutras administracións para enfrontar a reforma
do edificio.
5.- Oportunidade única. Existen exemplos de edificios desaproveitados no
corazón da vila. A Estrada non pode permitirse que unha instalación
superior aos 2.000 m2 quede en estado de ruína.
Deterioro e inquilinos
López Bueno tamén advirte de que o edificio “xa se atopaba nunha situación
preocupante hai un ano” e que a falta de uso diario ameaza con “deteriorar
elementos estruturais do edificio”, que podería chegar a facelo inservible.
Nese sentido, considera “moi grave” que o PP non tome ningunha iniciativa
para que a administración do Estado ou o propio Concello leven adiante
tarefas de conservación básica porque “dunha maneira ou doutra, ese
edificio rematará no patrimonio municipal”.
Ademais diso, veciños da zona advirten de que hai inquilinos no edificio e
que se está a converter nun punto onde varios menores adoitan reunirse
para facer botellón. Sobre ese asunto, López Bueno ve necesario reforzar a
vixilancia da instalación e disuadir aos rapaces e rapazas desas prácticas.
Investimento nas parroquias
López Bueno instou ao PP a abandonar a súa “realidade paralela” porque
“os veciños e veciñas saben que a situación das parroquias é de completo
abandono”. Indicou que “nos últimos 4 anos os protagonistas indiscutibles
do investimento no rural foron a Deputación de Pontevedra, con máis de 3,4
millóns de euros, e o IDAE co financiamento para a renovación de
luminarias.
O voceiro considera “pouco razoable” o triunfalismo do PP porque “os
veciños e veciñas padecen a nefasta xestión deste goberno”, e pon como
exemplos o nefasto funcionamento do servizo de recollida de lixo, o
escasísimo número de traídas e saneamentos municipais, e outras cuestións
como a lentitude do PP á hora de tramitar licenzas para construír vivenda
nas parroquias. López Bueno sentenciou que “as parroquias precisan moitas
máis cousas que asfaltados aínda que o PP non o entenda”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta