O Concello fomentará a práctica do deporte cunha
xornada formativa para escolares o día 27 de abril

o Participarán 300 alumnos e alumnas dos centros educativos do municipio e incluirá
unha charla sobre hábitos saudables e unha andaina

A Concellaría de Deportes, que dirixe Ismael Pena,
organizará o vindeiro mércores 27 de abril unha xornada para incentivar a práctica do
deporte e promocionar os hábitos saudables entre a mocidade estradense, en
colaboración co Centro de Saúde e os centros educativos da Estrada.
Esta iniciativa, que durará dúas horas e media, incluirá unha charla informativa para os
escolares no Teatro Principal que será impartida pola pediatra do Centro de Saúde da
Estrada, Eva García, na que abordará os beneficios dunha alimentación saudable e a
importancia do exercicio físico. Completarase a actividade cunha andaina de baixa
dificultade aproveitando as rutas saudables coas que conta o Concello da Estrada.
Os centros participantes estarán divididos en dous grupos. Por unha banda, o alumnado
de 5º e 6º de Primaria do CEIP Cabada Vázquez, do CEIP Plurilingüe de Oca, do CEIP
Manuel Villar Paramá, do CEIP do Foxo e do CEIP Pérez Viondi, e os de 5º, 6º e 1º da ESO
do Colexio Plurilingüe N.S. de Lourdes comezará a xornada coa charla informativa no
Teatro Principal ás 10.30 horas, para continuar coa andaina na ruta dende a Baiuca ata
Guimarei, regresando de novo ao Teatro Principal polo Camiño dos Arrieiros.
Por outra banda, os/as alumnos/as de 5º e 6º de primaria do CEIP de Figueiroa e o
alumnado de 1º da ESO do IES Nº1 da Estrada, do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez e
do IES Manuel García Barros sairán ás 10.30 horas da Avenida da Cultura, percorrendo a
zona deportiva e rematando no Teatro Principal, onde asistirán á charla sobre hábitos
saudables.
A actividade enmárcase dentro do proxecto “A Estrada Saudable”, froito da adhesión do
Concello da Estrada á Rede Española de Centros Saudables (RECS) e á Estratexia de
Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde que fomenta a
Organización Mundial da Saúde (OMS).

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta