O concelleiro de Deportes, Ismael Pena, presentou esta
mañá no Concello a XXIV Ruta BTT do Salmón, que se volverá celebrar na Estrada o
vindeiro 21 de maio despois de dous anos de parón pola pandemia e xa conta con 170
deportistas inscritos/as ata o momento.
Xunto co edil de Deportes, participaron na presentación do evento o presidente da Peña
Ciclista Bikestrada, Juan Vilariño; e o xerente de Emesports, Ezequiel Mosquera. Na súa
intervención, Ismael Pena destacou que este evento, organizado dende o ano 1995, é
“unha das probas máis antigas de Galicia na súa modalidade”, e precisou que está
concebido como unha ruta cicloturista non competitiva, pensada para que os/as
participantes “se esquezan do cronómetro e poidan disfrutar do entorno da Estrada”.
A ruta terá 43 quilómetros de lonxitude e contará cun desnivel de 800 metros
acumulados. A saída terá lugar o sábado 21 de maio ás 15.00 horas dende o campo de
fútbol Manuel Regueiro, na zona deportiva estradense, e o percorrido continuará polo
centro urbano da Estrada durante tres quilómetros ata chegar ao Campo da Feira. Logo,
a ruta discorrerá pola Rúa do Muíño, Os Chapurros, a praia fluvial de Liñares, Moreira,
bordeará o Castro de Barbude, continuará polo campo da festa de Paradela e chegará ao
Couto de Ximonde para volver por Cora, Santeles, Toedo, Figueiroa de Abaixo, A
Cañoteira, e rematar finalmente na meta que estará ubicada na carballeira do Campo da
Feira. Ademais, ao longo do percorrido a organización ofrecerá dous avituallamentos con
produtos proporcionados polos patrocinadores do evento.
Aquelas persoas interesadas en participar poderán inscribirse ata o día 18 de maio na
páxina web de Emesports ou na do Concello da Estrada.
A Estrada acollerá o día 21 de maio a XXIV Ruta
BTT do Salmón, que xa ronda as 200 inscricións
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.






































