O alcalde da Estrada, José López, presentou esta mañá a
concentración autonómica das escolas de rugby que acollerá o noso municipio o vindeiro
11 de xuño, na que participarán preto de 400 menores baixo o lema “Arrieiros do rugby
polo Camiño Miñoto” e suporá volver a reunir a clubes das catro provincias despois de
dous anos condicionados pola pandemia.
Este evento enmárcase dentro do proxecto “O teu Xacobeo” e ten como obxectivo a
promoción do Camiño da Geira e dos Arrieiros e mais o do Miñoto Ribeiro a través do
deporte. Durante a presentación, López agradeceu o compromiso da Federación Galega
de Rugby coa Estrada e asegurou que é “un orgullo” ser a sede deste tipo de actividades,
“complemento perfecto para a educación dos cativos” e cun impacto “mediático,
deportivo e económico moi importante no noso Concello”.
O rexedor local tamén destacou a oferta de eventos deportivos no municipio, froito da
aposta do goberno local para “consolidar A Estrada como capital do deporte base de
Galicia”, e avanzou a súa intención de que o rugby se convirta nunha das disciplinas que
se imparten nas escolas deportivas da Estrada.
A concentración dará comezo ás 11.00 horas e desenvolverase de xeito simultáneo no
Campo Manuel Regueiro e no Campo de Fútbol Novo Municipal. Ao longo da mañá
desputaranse 54 partidos entre as categorías M6, M8, M10 e M12, e contará coa
participación dos seguintes 14 clubes das catro provincias galegas: Vigo R.C, CRAT,
Muralla RC, Pontevedra R.C., C.R. Ferrol, Ingleses R.C., Asociación Valentes, Ourense R.C.,
C.R. Lalín, E.R. Asterix Viveiro, C.R. Fendetestas, CD Zalaeta, Mareantes RCP e Capóns RC.
Paralelamente, haberá obradoiros nos que poderán participar os escolares da Estrada.
Xunto ao alcalde participaron na presentación o presidente da Federación Galega de
Rugby, Ignacio Cociña; e a vicepresidenta da Federación Galega de Rugby, Rocío García.
Cociña agradeceu ao Concello as facilidades para poder celebrar eventos coma este e
amosou o seu compromiso para que “no prazo máis curto posible a escola municipal de
rugby da Estrada sexa unha realidade”. Ao remate da súa intervención, Cociña obsequiou
ao alcalde da Estrada cunha garabata como mostra de agradecemento.
Pola súa banda, Rocío García avanzou que o proxecto, que comeza con esta
concentración de escolas na Estrada, tamén rematará na vila coa celebración do Torneo
Internacional Galicia-Norte de Portugal nas instalacións deportivas do Concello o 29 de
outubro.
Despois da presentación, os participantes acompañaron a preto de 50 escolares durante
a representación dunha “melé dos valores” na Praza do Concello, coa que a Federación
Galega de Rugby puxo punto e final ás actividades que realizaron no CEIP Pérez Viondi,
CEIP de Figueiroa e no Colexio Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes ao longo de dúas
semanas, co obxectivo de trasladarlles aos máis cativos os valores deste deporte.
A Estrada reunirá a 400 deportistas de 14 escolas
galegas de rugby o vindeiro 11 de xuño
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































