A concelleira de Educación, Amalia Goldar, fixo entrega
esta mañá no Concello do premio de textos teatrais Manuel Daniel Varela Buxán ao
dramaturgo José Luis Baños de Cos pola súa obra “Segunda morte”. O gañador da oitava
edición foi agasallado cun cheque de 1.200 euros e unha bolsa con varios libros que
resultaron gañadores en certames literarios da Estrada.
Durante o acto, a edil de Educación estivo acompañada do gañador do galardón, José Luis
Baños de Cos; do presidente do xurado, Santiago Cortegoso; e do xerente da Escola
Municipal de Artes Escénicas, Xosé Lueiro. Na súa intervención, Goldar destacou “o gran
compromiso do Concello da Estrada coa actividade cultural e a escrita literaria” e fixo
referencia aos sete premios que se convocan de xeito anual no noso municipio para
promover a cultura en galego. Tamén avanzou que nas vindeiras semanas se coñecerán
as obras gañadoras do premio de poesía Avelina Valladares e o de novela Manuel García
Barros.
Pola súa banda, o gañador do premio, José Luis Baños de Cos, agradeceu esta iniciativa
ao Concello da Estrada e destacou a “importancia de que existan premios coma este e se
manteñan no tempo” ante a complicada situación que atravesan os textos dramatúrxicos.
O presidente do xurado, Santiago Cortegoso, definiu a obra gañadora como un “texto
moi de autor”, cunha estrutura complexa e elaborada que conta unha historia
contemporánea sobre a emigración e a fugacidade das relacións na sociedade
contemporánea, e expresou o seu desexo de que “chegue ao público non só a través da
escrita, senón tamén dos corpos e as voces”.
O galardón inclúe a edición do texto teatral gañador por parte da editorial Fervenza, que
comezará a súa distribución por todas as librarías galegas dentro de dous anos, cando
teña lugar a seguinte edición deste certame.
O Concello da Estrada entrega o premio de textos
teatrais Varela Buxán a José Luis Baños de Cos
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































