Subir o IBI o 140% é un atraco!
O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, vén de presentar en rolda de prensa unha moción coa que os nacionalistas queren recuperar a bonificación do IBI, vixente até outubro de 2011. Con esta medida segundo explicou o concelleiro nacionalista «pretendemos rebaixar a presión fiscal que están a sufrir os veciños e veciñas, qeu viron como o recibo da contribución subiu este ano un 140% respecto de 2011».
Xosé Magariños afirmou que «neste contexto de crise económica, con centos de persoas no paro e de precariedade laboral, non se pode espremer á xnete tanto como está a facer o PP desde que está a gobernar, tanto a nivel local como a nivel estatal». Segundo Magariños, «o Partido Popular pensa que os veciños e veciñas da Estrada son limóns, aos que se lles pode apertar até sacarlles a última gota de zume, mais non somos limóns somos persoas, e o pobo da Estrada di basta. Subir o IBI o 140% é un atraco!».
«Esta situación de alarma social pola subida do IBI», explicou o concelleiro nacionalista, «era previsíbel, de feito xa o denunciamos no seu día cando o goberno municipal do Sr. López, eliminou a bonificación do IBI aprobada en solitario polo BNG en 2004, logo dunha longa e dura loita social e tamén cando o goberno de Maiano Rajoy decretou o 30 de decembro de 2011 a subida dos tipos impositivos do IBI».
«Ademais», engadiu Magariños, «o PP fai esta subida do IBI malia que aínda non se corrixiu a sobrevaloración catastral, froito dunha ponencia de valores desastrosa aprobada en 1997 polo anterior alcalde Popular».
«Ten do en conta as últimas declaracións do alcalde vemos que por fin veu a luz», ironizou o concelleiro do BNG, «tantos anos negando a sobrevaloración catastral, tantos anos dicindo que a presión fiscal dos estradenses era baixa, e agora parece receptivo para aprobar unha bonificación, que no caso do BNG queremos facer retroactiva a todo este ano 2013, e que estará vixente até que haxa unha nova ponencia de valores».
«Neste sentido», afirmou Magariños, «agardamos que este cambio de talante do alcalde se vexa reflectido coa aprobación desta moción do BNG, agardamos que non sexa un engano para saír ao paso das presións que sen dúbida está a sufrir por parte dos moitos dos seus votantes». «Está na súa man», engadiu o concelleiro do BNG, «non tne que ir onde Feijóo a chorarlle, e pódese facer no concello, pódese aprobar unha bonificación no recibo da contribución que alivie a presión fiscal dos estradenses, como xa ten feito no seu día o BNG para corrixir unha inxustiza».
Redacción: BNG de A Estrada
Fotografía e Gravación: Iria Eiras






































