O alcalde da Estrada, José López, presentou esta mañá a
XXV edición do Festival As Nosas Músicas, organizado pola Asociación A Xesteira coa
colaboración do Concello, que se volverá celebrar na parroquia de Couso os días 13 e 14
de agosto despois de dous anos de parón pola pandemia.
Xunto co rexedor local, na presentación do evento participaron os representantes da
Asociación A Xesteira Iván Magariños, Xermán Alexandre Muíños e Alejandro Brey. Na
súa intervención, José López destacou o labor das persoas que forman parte da
organización dun evento destas características “para conseguir manter ano tras ano esta
festa e axudar a que A Estrada sexa un dos referentes culturais a nivel galego”.
Pola súa banda, Xermán Alexandre Muíños quixo agradecer a colaboración do Concello
da Estrada “e mais a de arredor de 100 empresas, na súa meirande parte estradenses”
para que esta celebración continúe consolidándose. Neste senso, destacou que este
“será o primeiro ano que haberá dous días de festa”, cunha importante participación das
agrupacións musicais da zona, e avanzou que o premio “As Nosas Músicas” desta edición
será entregado a Emilio Españadero, presentador do programa da Radio Galega “Lume
na Lareira” e antigo compoñente de varias agrupacións de música tradicional, “polo seu
traballo a prol da cultura”.
As actividades programadas arredor do festival As Nosas Músicas darán comezo o sábado
13 de agosto, cun obradoiro de baile con perspectiva de xénero e unha ruada a partir das
19.00 horas na que participarán as seguintes agrupacións musicais: Ultreia, Aldomir, A
Ponte Vella e Doner e os Kebabs.
Contacto: Santiago Cacheiro | santi.cacheiro@somoswecom.com | 698 19 63 10
Na xornada do domingo 14 haberá actividades durante todo o día. Ás 14.00 horas terá
lugar unha sesión vermú coa actuación do grupo Campantes da Braña. Xa pola tarde, a
partir das 17.00 horas, haberá xogos tradicionais para todas as idades, un obradoiro de
iniciación ao baile tradicional e unha mostra sobre a personaxe de Barriga Verde. A festa
rematará ás 21.30 horas coa entrega do premio “As Nosas Músicas” a Emilio Españadero
e a celebración do festival, que contará coa actuación das seguintes agrupacións: Leilía,
Alvariza, Airiños da Freba, Art-Monium e Ailá.
Paralelamente aos citados actos, a festa contará cunha zona gastronómica con tres
postos de comida, aparcadoiro e zona de acampada. Ademais, haberá servizo de autobús
de balde que sairá ás 21.00 horas dende A Estrada (A Farola) ata Couso e voltará dende
Couso ás 4.30 e ás 6.30 horas da madrugada, con paradas en Pontevea e A Estrada (A
Farola).







































