Ignacio Vidal Portabales gaña o XXXIV Premio Manuel
García Barros coa obra “As horas dunha illa remota”

O xurado da XXXIV edición do premio de novela Manuel
García Barros, que convoca o Concello coa colaboración da Editorial Galaxia, vén de
galardoar ao escritor Ignacio Vidal Portabales pola súa obra “As horas dunha illa remota”.
A novela, presentada baixo o lema de “O voo do azor”, resultou elixida pola maioría dos
membros do xurado entre os 33 orixinais presentados nesta edición.
O xurado estivo composto por Marta Neira Rodríguez, María de las Mercedes Corbillón
Fernández, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro
Rodríguez.
Armando Requeixo xustificou a elección desta obra “no coidado na caracterización dos
dous personaxes protagonistas, dúas irmás cunha figura paterna chea de luces e sombras
que viven as sombras dunha infancia difícil en Colombia que proxectan o seu ronsel no
presente adulto de ambas na súa Galicia de orixe”.
Ademais, os membros do xurado desatacaron a calidade da prosa coa que está escrita a
novela, cun emprego dos diálogos de grande mestría funcionando a obra coma un
conxunto “que se retroalimenta nas partes e que convida a pensarnos e repensarnos”.
Ignacio Vidal Portabales é Doutor en Dereito e profesor titular de Dereito Mercantil na
Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de
Compostela. Compaxina a docencia coa escritura, con varios ensaios publicados sobre
temática xurídica e catro obras narrativas en galego publicadas na Editorial Xerais.

O premio está dotado con 9.000 euros e inclúe a publicación da novela. A súa entrega
levarase a cabo este outono nun acto no Teatro Principal da Estrada que volverá a ser
público despois de dous anos condicionado pola pandemia.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta