A concelleira de Educación, Amalia Goldar, participou
esta mañá no acto de clausura do Obradoiro de Emprego estradense 2021, no que se fixo
entrega dos diplomas acreditativos aos 16 participantes dos módulos de xardinería e
carpintaría.
Goldar quixo felicitar polo seu traballo aos/as alumnos/as alí presentes e destacou a
implicación da Xunta, do profesorado e mais do alumnado para conseguir “uns resultados
moi positivos”, xa que case a metade dos participantes veñen de conseguir unha
oportunidade laboral. “É importante contar con iniciativas coma esta que melloren a
empregabilidade da mocidade estradense con dificultades para incorporarse ao mundo
laboral grazas ao certificado de profesionalidade que adquiren ao seu remate,
combinando de xeito acertado a formación teórica coas máis de 1000 horas de prácticas
realizadas”, explicou a edil, e amosouse convencida de que “todos/as eles/as terán un
oco nestes dous sectores con tanta demanda”.
Ao longo dos 12 meses de duración deste Obradoiro, os participantes realizaron os
seguintes traballos de mellora e acondicionamento na praia fluvial de Liñares: a poda de
150 árbores e a replantación doutro cento delas; a limpeza e o acondicionamento do
terreo; a colocación dos bordos; a construción dunha decena de hamacas de madeira; a
creación dunha pérgola para as persoas con mobilidade reducida; unha ducia de bancos
e seis mesas de madeira, dúas delas para persoas con mobilidade reducida; a construción
dun camiño de “zahorra” cuberta con resina ata a zona de baño; a elaboración de carteis
indicativos; a instalación do sistema de regadío; e a plantación de flores de tempada e
arbustivas, entre outras.
Agora, unha vez rematado o Obradoiro de Emprego, o Concello intentará avanzar ao
longo deste ano na segunda parte do proxecto, consistente na construción dun edificio
en madeira con cafetería, vestiarios e baños, co obxectivo de que se execute durante o
ano 2023.
Durante o acto, a concelleira de Educación estivo acompañada polo edil de Emprego,
Óscar Durán; o director do Obradoiro de Emprego, Luis Miguel Galván; a xefa territorial
de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño; e os titores dos módulos de
xardinería e carpintaría.
A Estrada clausura o seu Obradoiro de Emprego logo de
formar a 16 alumnos/as en xardinería e carpintaría
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































