O xurado da XXVI edición do Premio de Poesía Avelina
Valladares vén de galardoar ao escritor noiés Manuel López Rodríguez polo seu poemario
“O cemiterio. A néboa”, presentado baixo o lema de “Martirio”.
O fallo do xurado, outorgándolle a victoria ao poeta noiés por segundo ano consecutivo,
deuse a coñecer esta mañá na sala de xuntas do Concello unha vez aberta a plica elixida
por unanimidade entre os 38 traballos presentados este ano.
O xurado desta edición estivo composto por Rosalía Morlán, Dolores Carbajal, Sindo
Villamayor, Esteban Folgar e Dolores Araújo -esta última actuando como secretaria-.
Folgar xustificou a elección dos membros do xurado pola súa orixinalidade, xa que “o
poemario está dividido en tres partes e a súa parte principal está feita polo sistema de
escolle a túa propia aventura, na que os poemas permítenlle ao lector escoller o camiño
que quere seguir”. O traballo, ambientado nun cemiterio, lembra figuras ilustres que xa
morreron “dirixíndose con frecuencia ao receptor” e empregando figuras metapoéticas,
engadiu Folgar.
Unha vez coñecida a identidade do gañador, a edil de Educación, Amalia Goldar, foi a
encargada de comunicarlle a noticia. O premio está dotado con 2.000 euros e inclúe a
publicación do poemario por Edicións Fervenza. O galardón entregarase a finais de
outubro nun acto público no Teatro Principal da Estrada, coincidindo coa Festa da Poesía.
Manuel López Rodríguez gaña o XXVI Premio de Poesía
Avelina Valladares coa obra “O cemiterio. A néboa”
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.






































