A biblioteca municipal da Estrada incorpora 400
novos títulos grazas a unha axuda de 5.900 euros

A Concellaría de Cultura, que dirixe Juan Constenla, vén
de incorporar 400 novos títulos ao catálogo da biblioteca municipal da Estrada, situada
na Casa das Letras, a través dunha axuda da Xunta de Galicia tramitada polo
Departamento cunha contía de 5.910,03 euros.
A subvención outorgada divídese en dous programas: o primeiro deles, financiado pola
Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, outorgou ao Concello da Estrada
1960,78 euros para a adquisición de novidades editoriais en galego; e o segundo,
financiado conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e
polos fondos Next Generation da Unión Europea, dotou ao Concello de 3949,25 euros co
obxectivo de mellorar as coleccións bibliográficas.
Constenla explicou que “a meirande parte das novas incorporacións foron mercadas nas
librarías da Estrada co obxectivo de favorecer aos comercios da vila e apoiar ao sector”.
A maioría das adquisicións xa están dispoñibles para levar en préstamo e entre os fondos
adquiridos destacan álbums ilustrados para o público infantil; libros con tipografías de
gran tamaño dirixidos a persoas con dificultades na aprendizaxe da lectura; coleccións
para o público xuvenil; clásicos da literatura; e títulos de novela contemporánea con
obras dos últimos galardoados nos premios Nobel, Nacional de Narrativa, Nadal, Herralde
ou Planeta.
“Con estas incorporacións, os/as usuarios/as da nosa biblioteca poderán gozar dunha
oferta máis enriquecida e variada, con novidades para todos os públicos, o que permitirá
mellorar a calidade deste servizo para a veciñanza”, asegurou o edil.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.