ENTRADA GRATUÍTA Á PISCINA DA ESTRADA ATA FINAL DE TEMPADA

Entrada gratuíta á piscina da Estrada ata final de tempada
Os estradenses que nos últimos días se achegaron ás piscinas municipais víronse gratamente sorprendidos ao descubrir que a entrada era gratuíta. Esta medida adoptouse inicialmente con carácter temporal pero finalmente pasou a ser permanente. Dende agora e ata o final da tempada, fixada para o 15 de setembro, a entrada ás piscinas municipais será gratuíta.

O motivo desta drástica decisión vén dado polos problemas que se están a atopar nestas instalacións polas restricións de auga provocadas pola seca. Estas restricións comezaron a notarse hai uns dez días, cando o vaso da piscina olímpica comezou a encherse dende o fondo dunha area. Nese momento, o Concello realizou probas para coñecer o estado da auga, cuns parámetros totalmente normais. Porén, ese grano foi aumentando deixando unha imaxe fea na piscina máis grande. Este problema, porén, non afecta nin á piscina media nin á máis pequena.

Segundo explicaron os técnicos municipais, o problema vén motivado pola forzada decisión de recortar o gasto en auga pola seca, que levou a anular a renovación temporal da auga das piscinas, clave na súa limpeza diaria. Esta tarefa quedou en mans do robot de limpeza, que, porén, non é quen de quitar toda aquela terra que quedaba no fondo e que pon fea a piscina.

Ante esta situación e esperando que fose algo concreto, o goberno local decidiu decretar uns días de portas abertas confiando en que a situación mellore e así foi. Nos últimos días a imaxe da piscina foi mellorando, polo que xa non hai a mesma sensación de turbidez, e as análises seguen sendo totalmente correctas. O caso foi levado onte á xunta de goberno local, onde, a pesar da volta á normalidade, se decidiu manter as piscinas libres ata final de tempada.

Por outra banda, o pavillón Coto Ferreiro segue á espera do inicio das obras que permitan o cambio total da súa carpintería metálica. Mentres que xa se realizaron algunhas melloras dentro do complexo deportivo.
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.