LÓPEZ BUENO PEDIRÁ DETALLES SOBRE O FUTURO ARRANXO NA
PRAZA DA FEIRA

Luis López Bueno pedirá detalles sobre o anuncio de
melloras na praza da feira que fixo o PP esta fin de semana. O líder
socialista levará ao pleno diversas cuestións sobre a actuación que se prevé
facer e o financiamento que se require para “arranxar a chapuza que
recibiron”.
López Bueno valorou que este anuncio do PP responde a que o tempo
demostrou que o Grupo Municipal Socialista e a empresa que completou as
obras “tiñamos toda a razón nas nosas críticas” e indicou que ao PP non lle
quedou outra saída que “dar o brazo a torcer diante do que é unha
evidencia”.
Ademais pedirá detalles sobre o financiamento das actuacións que se
realizarán, porque “é bo que os veciños e veciñas saibamos canto nos vai
custar arranxar as desfeitas do PP”. Recordou que o PP “estaba advertido
dende maio por un escrito que COVSA dirixiu ao Concello” e ve “indecente”
que o PP recibira unha obra que custou 824.000 euros de todos os veciños e
veciñas e que demostrou “ser unha chapuza”.
O socialista bota en falta a “defensa numantina” desa obra que facía
Gonzalo Louzao durante os meses do verán e pregúntase “onde quedan
agora as súas declaracións públicas e a defensa do proxecto tal e como
está”. De todas as maneiras, López Bueno agradécelle a López Campos e a
Louzao que “entraran en razón aínda que xa sexa moi tarde”.
Desvelou que “incluso os concelleiros do PP eran capaces admitir que a obra
non cumpría o prometido” e consideraban “un escándalo” recibir a obra tal e
como se executou, o que lle fai pensar que “hai concelleiros do PP que
pintan moi pouco no goberno local” e que “non hai un goberno serio”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.