O CONCELLO DA ESTRADA APROBA POR UNANIMIDADE A
MOCIÓN DE MÓVETE PARA ASINAR A DECLARACIÓN E
COMPROMISO PARA A GALEGUIZACIÓN XURÍDICA DOS
CONCELLOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

O pasado 14 de xaneiro de 2023 no Pazo da Deputación de Pontevedra
realizouse un acto onde unha grande parte dos concellos da Provincia de
Pontevedra, asinaron unha Declaración e Compromiso para continuar
contribuíndo á normalización do uso oral e escrito do galego como lingua do
dereito, das relacións xurídicas e dos procesos xudiciais nos que interveñan
as corporacións municipais. Así o que se pretende co citado compromiso,
entre outras cuestións, é que cando un concello contrate un avogado ou
procurador, estes profesionais do dereito usen o galego tanto no ámbito
escrito como no oral.
O acordo foi promovido por tres institucións:
A Irmandade Xurídica Galega, Asociación de xuristas partidarios do
uso da lingua galega na actividade xudicial.
A Deputación de Pontevedra.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia,
Tamén foi apoiada pola Asociación de Funcionarios para a
Normalización Lingüística.
O Concelleiro de Móvete Iván Sanmartín acudira persoalmente ao dito
acto, neste caso, como membro da citada Irmandade Xurídica Galega.
Dende MOVETE promovemos a dita moción que se aprobou por
unanimidade no Pleno celebrado o día 2 de marzo ás 20:30 na casa
consistorial, xa que consideramos que o Concello de A Estrada ten que
manter o seu histórico compromiso coa nosa lingua, e que a sinatura da
DECLARACIÓN E COMPROMISO PARA A GALEGUIZACIÓN
XURÍDICA DOS CONCELLOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA
supón un evidente avance na normalización do galego nun ámbito como é o
dereito e a xustiza onde aínda queda moito camiño por percorrer neste eido.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.