O certame, ao que se presentaron unha vintena de propostas, estivo
organizado polo Concello da Estrada en colaboración coa Secretaría
Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia.
Tenrura, humor e perspicacia entretecidos, á
perfección, a través do texto e da imaxe. Estas foron algunhas das calidades
que o xurado do Premio de Álbum Ilustrado ‘Alberte Quiñoi’ destacou da obra
galardoada nesta terceira edición. Laura Cid Rascado (Vigo, 1999) foi a
gañadora desta nova convocatoria con ‘Maruchi e o gancho’.
Para elaborar a historia, Cid Rascado inspirouse nunha familiar súa, Maruchi.
Tomando como base os propios trazos da súa parente, a autora dálle vida a
unha personaxe cunha gran afección polo gancho. Porén, a súa paixón por
esta técnica convive co carácter “algo despistado da protagonista”, tal e como
Cid Rascado recoñece. Precisamente, Cid Rascado válese desta característica
para sacar o humor a colación, dando como resultado unha Maruchi capaz de
confeccionar un calcetín máis grande que outro ou unha manga máis longa do
habitual.
En total, presentáronse ao certame unha vintena de propostas. Porén, o
tribunal do premio acabou decantándose pola obra da viguesa, graduada pola
facultade de Bellas Artes de Pontevedra. O xurado destacou que a creación “é
unha historia tecida con ritmo, claridade e ollada poética. Presenta un nó que a
protagonista ten que desenredar, o cal se vai enfiando de xeito equilibrado,
tenro, humorístico e perspicaz. Trátase, ademais, dun álbum ilustrado
perfectamente apto para todos os públicos’.
O tribunal estivo conformado polos seguintes expertos no ámbito editorial e
literario: Tamara Andrés Padín, por Sara Valcárcel Maceira, Óscar Villán
Seoane, Armando Requeixo Cuba e por Carlos Loureiro Rodríguez, que
exerceu como secretario.
O Premio de Álbum Ilustrado ‘Alberte Quiñoi’ foi convocado, por terceiro ano
consecutivo, polo Concello da Estrada en colaboración coa Secretaría Xeral de
Política Lingüística e da Editorial Galaxia.







































