A iniciativa, promovida polo CIM do Concello da Estrada e desenvolvida
por APAIOGA, foi levada a cabo polo alumnado dos centros educativos
estradenses.
Referentes femininas en diversos eidos como Susie Wolff, Isabel Zendal
ou María Herrera foron as protagonistas da tempada inaugural.
Os contidos foron emitidos a través de Radio Estrada e posteriormente
subidos ás canles de Spotify e iVoox da Ollada da Sospeita.
Esta semana deu remate a primeira
tempada da iniciativa ‘As historias non contadas’, promovida polo CIM do
Concello da Estrada, financiado a cargo dos fondos do Pacto de Estado contra
a Violencia de xénero, desenvolvido por APAIOGA e emitido a través Radio
Estrada e nas canles de Ivoox e Spotify da Ollada da Sospeita xestionadas
pola axente de Igualdade, Lara Fuentes.
Na produción das nove emisións participaron unha trintena de alumnas e
alumnos dos diferentes Centros Educativos de educación secundaria da
Estrada achegáronnos historias non tan coñecidas de mulleres como Jutta
Kleinschmidt, Susie Wolf, Laia Sanz, María Herrera, María de Villota, Vanesa
Casal, Marga Fraga, Mary Isaura, Begoña Vila, Carmen Conde Présaras,
Isabel Zendal, Ángela Ruíz Robles e Cristina Andrade, entre outras.
Tamén se emitiu unha entrevista onde un grupo de alumnado comentou os
resultados atopados nun estudo realizado sobre a situación da muller no
mercado laboral na contorna do IES Nº1 da Estrada.
Na recta final do proxecto os episodios contaron coa presenza con Xiana
Lastra e Andrea Porto da Banda da Loba e coa actriz Anabell Gago.
‘As historias non contadas’ da Ollada da Sospeita converteu ao alumnado dos
centros educativos da contorna en protagonistas do labor de visibilización das
achegas das mulleres en ámbitos como o mundo do motor, a artesanía, a
fotografía,o teatro, a ciencia ou a educación, empregando as tecnoloxías da
información e a comunicación e o pódcast, un formato en significativo auxe nos
últimos anos.
Desde o CIM da Estrada agradecen “a enorme implicación do alumnado, así
como do profesorado que coordinou aos diferentes grupos participantes, así
como ao equipo de Radio Estrada por dar cabida a este proxecto”.







































