A Estrada despedirá mañá, mércores 28 de
xuño, o seu programa das festas patronais de San Paio. Farao coa celebración
do Día do Neno, unha xornada pensada para os máis cativos e cativas da casa
e que chega, este ano, con importantes cambios. Entre elas, o Concello
acordou uns prezos reducidos nas atraccións para os pequenos e pequenas. A
maiores, introduciuse unha franxa especial sen música e iluminación para os
nenos e nenas con trastorno do espectro autista (TEA).
As atraccións estarán en funcionamento mañá, mércores 28 de xuño, entre as
17.00 e as 22.00 horas. Porén, co fin de garantir a inclusión social dos rapaces
con TEA, estableceuse unha franxa especial entre as 17.00 e as 18.30 horas
na que os aparellos non terán música e iluminación. Con esta medida, o equipo
de goberno busca favorecer a asistencia dos nenos e nenas con autismo, un
trastorno que causa hipersensibilidade en situacións cun elevado nivel de ruído
ou iluminación. Trátase dunha novidade con respecto a outras edicións das
festas e que o goberno local sumou a raíz da solicitude dunha asociación
especializada e que está asentada no municipio.
En todo caso, entre as 17.00 e as 22.00 horas, os cativos e cativos poderán
acceder ás atraccións cun prezo reducido que o Concello acordou coas
persoas responsables das mesmas.
Con motivo desta xornada, a feira municipal trasladarase mañá ao aparcadoiro
da rúa Iryda e á rúa Ponteareas.
Un programa completo
Centos de persoas tomaron parte, nos últimos días, no programa das festas de
San Paio. O calendario deste ano ofreceu actuacións de agrupacións de
referencia, como Tanxugueiras e Carlos Baute, e con orquestras punteiras
como París de Noia ou Combo Dominicano. A celebración incluíu, así mesmo,
unha ampla variedade de propostas culturais e deportivas para todos os
públicos.
GALERÍA:















































































