Sabucedo agarda recibir 15.000 visitantes“na Rapa máis combativa contra os eólicos”

• “O importante desta festa non é a festa en si; o fundamental son as bestas. Elas son
o centro de todo”, afirma o presidente da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo,
Paulo Vicente Monteagudo

presentación da Rapa das Bestas de Sabucedo

• Máis dun cento de profesionais da comunicación procedentes de seis países
(España, Portugal, Francia, República Checa, Holanda e Exipto) están acreditados
para cubrir esta tradición
• Valentín García destaca a capacidade da Rapa para “sobrepoñerse a adversidades
como a peste, as pandemias e as guerras” e, fronte ás eólicas, avoga por “unha saída
de consenso e unha fórmula que permita ás bestas seguir sendo tan bravas”

A parroquia estradense de Sabucedo, na que durante
todo o ano apenas vive medio cento de veciños/as, prepárase para recibir desde mañá
ata o vindeiro luns arredor de 15.000 visitantes co gallo da tradicional e centenaria Rapa
das Bestas, Festa de Interese Turístico Internacional desde 2007, que estes días
celebrará “a edición máis reivindicativa e combativa contra a proliferación de parques
eólicos nos montes da contorna”.

Así o manifestou hoxe o presidente da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, Paulo
Vicente Monteagudo, no transcurso da rolda de prensa que tivo lugar na Cidade da
Cultura e na que estivo acompañado polo concelleiro de Cultura da Estrada, Juan
Constenla; o secretario xeral de Política Lingüística, o estradense Valentín García; e a
directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

presentación da Rapa das Bestas de Sabucedo

Ante a “ameaza que as eléctricas están a supoñer para o territorio, a tradición, o
patrimonio, a natureza e os animais”, Paulo Vicente asegurou que a Rapa das Bestas
de 2023 “vai ser a Rapa dos eólicos, porque todo vai xirar arredor da defensa da
contorna e das bestas”.

“O importante desta festa non é a festa en si; o fundamental son as bestas. Elas son o
centro de todo. Non perdamos a perspectiva, porque isto non é só unha celebración. A
Rapa de Sabucedo susténtase na supervivencia dos cabalos salvaxes no seu hábitat,
no mantemento do monte. As Administracións non deben sentir que pedimos a súa
colaboración para o mantemento do folclore. Isto non é unha verbena. O que lles
esiximos é que dean un paso adiante na defensa da nosa propia esencia, da identidade,
da vida como a coñecemos porque outros e outras a mantiveron así durante séculos,
ata hoxe”, manifestou o presidente da Asociación Rapa das Bestas. “En Sabucedo
queremos unhas bestas ceibes e bravas”, resaltou.

O curro do sábado, sen entradas
Na súa intervención, Paulo Vicente explicou que, como é habitual, celebraranse tres
rapas no curro: a primeira, o sábado ás 19.00 horas, para a que xa non quedan entradas
dispoñibles; a segunda, o domingo ás 12.00 horas, e a terceira, o luns ás 12.00 horas.
Para estas dúas aínda poden mercarse entradas a través da web rapadasbestas.gal.
Ademais, o presidente da asociación subliñou a diversidade da programación cultural e
musical, coa participación de preto dunha vintena de grupos musicais e artistas de
animación.

103 fotógrafos e xornalistas acreditados
Pola súa parte, o concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla, referiuse á Rapa
das Bestas de Sabucedo como “o principal referente turístico e a celebración que pon á
Estrada no mapa rexional, nacional e internacional” e subliñou que xa están acreditados
para cubrir esta Rapa un total de 103 profesionais dos medios da comunicación de seis
países, entre fotógrafos, xornalistas, reporteiros de televisión, documentalistas, etc.
Maioritariamente proceden de España e Portugal, pero tamén acodirán profesionais
chegados de Francia, República Checa, Holanda e Exipto.

presentación da Rapa das Bestas de Sabucedo

Constenla tamén agradeceu a colaboración de patrocinadores e colaboradores como
Abanca, Estrella Galicia, Helvetia e a Deputación de Pontevedra. Ademais, o edil de
Cultura compartíu “a preocupación” do Concello da Estrada pola afección que os
parques eólicos proxectados na zona poden ter sobre a Rapa e anunciou que o concello
“está a traballar na recompilación de documentación para solicitar a declaración da Rapa
das Bestas de Sabucedo como Ben de Interés Cultural de carácter inmaterial, coa
finalidade de outorgarlle maior protección”.

Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García destacou a
capacidade histórica da Rapa das Bestas de Sabucedo, que comezou a celebrarse a
raíz dunha peste, para “sobrepoñerse a todas as adversidades, como pestes,
pandemias, guerras e agora a ameaza dos proxectos eólicos”. Ao respecto, avogou por
“unha saída de consenso e unha fórmula que permita ás bestas seguir sendo tan
bravas”.

PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES | RAPA DAS BESTAS DE SABUCEDO 2023
XOVES 6 DE XULLO
• 21.30 horas: XII Gala Rapa das Bestas de Sabucedo na honra aos “aloitadores”

VENRES 7 DE XULLO
• 6.30 horas: Tradicional misa na alborada na honra de San Lourenzo
• 7.00 horas: Saída dende O Celeiro cara ao monte na procura das bestas
• 20.00 horas: Pasarrúas do grupo “A Tralha da Terra de Montes”
• 20.30 horas: Inauguración da exposición itinerante “O Sentir dun pobo: Sabucedo e a
Rapa das Bestas” no curro vello
• 23.00 horas: Festival Rapasons:
– Sheila Patricia
– Balkan Bomba
– Brinkadelia Troupe
– Funkiwis

SÁBADO 8 DE XULLO
• 11.00 horas: Recollida das bestas no peche do Castelo
• 14.00 horas: Chegada das bestas a Sabucedo
• 14.30 horas: Actuación de Udra no palco da fonte
• 16.00 horas: Actuación de Fanfarria Taquikardia no palco da fonte
• 17.00 horas: Pasarrúas a cargo do grupo Airiños de Caldelas
• 18.30 horas: Actuación do grupo Tequexetéldere no curro
• 19.00 horas: Primeira Rapa no curro
• 21.00 horas: Concerto de Mekánika Rolling Band
• 23.00 horas: Verbena popular no Campo do Medio:

– La Banda de Ayer
– Fania Blanco Show

DOMINGO 9 DE XULLO
• 11.30 horas: Actuación de Gabi Reboredo no curro
• 12.00 horas: Segunda Rapa no curro
• 14.00 horas: Actuación de Festicultores Troupe
• 16.30 horas: Festival de música no palco da fonte:
– Pandereteiras do Val de Quireza
– Polo correo do vento: Contadores e ilustración
– Pakolas
– Catuxa Salom
• 23.00 horas: Verbena popular:
– Miramar
– Dolce Vita

LUNS 10 DE XULLO
• 11.30 horas: Actuación do grupo Airiños de Caldelas no curro
• 12.00 horas: Terceira Rapa no curro

OUTRAS ACTIVIDADES EN SABUCEDO
• Visitas guiadas polo patrimonio de Sabucedo:
o Exposición exterior permanente “Sabucedo e a Rapa das Bestas” (polas rúas
do pobo)
o Ruta dos muíños de Sabucedo: 10 km (longa) ou 3,5 km (curta)
• Exposición itinerante “O Sentir dun pobo: Sabucedo e a Rapa das Bestas” (no curro
vello)

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.