O festival, nado no 2022, celebrarase durante a fin de semana do 22 e
23 de setembro.
Carolina Rubirosa, Boyanka Kostova ou Malandrómeda serán algúns
dos artistas que formen o cartel da vixente edición.
Os piares sobre os que se apoia o festival son a promoción de artistas
emerxentes galegos, o apoio ao negocio local e a introdución da
perspectiva de xénero como criterio de sustentabilidade social.
O festival ‘O Son dos Arrieiros’ regresará
a A Estrada os días 22 e 23 de setembro cun cartel definido pola súa marcada
aposta polo talento emerxente da música galega.
O salón de xuntas do Concello da Estrada acolleu hoxe a presentación dun
evento nado no ano 2022 ao abeiro dunhas axudas extraordinarias por mor da
pandemia concedidas por AGADIC. Dito festival foi o primeiro no que o público
puido estar de pé logo das restricións aplicadas aos eventos culturais durante a
pandemia.
Os artistas que participarán nesta terceira edición forman un cartel con
marcada presenza feminina integrado por: Carolina Rubirosa, que dará o
concerto inaugural, Guezos, Rayo Taser, DJOW, Hydn, Señora dj, Playa
Desmayo, Babykatze, Malandrómeda, Elba, Boyanka Kostova e Maefield.
Na presentación participou o edil de Cultura do Concello da Estrada, Juan
Constenla, quen agradeceu o apoio da Xunta de Galicia “para que A Estrada
poida gozar da terceira edición consecutiva dun festival diferencial” e tamén
tivo palabras de recoñecemento para Patricia Hermida e todo o equipo de
Dotbeat!, empresa organizadora “polo seu traballo durante os últimos meses
para materializar un evento único”
O responsable de Cultura tamén puxo en valor “o feito de que O Son Dos
Arrieiros sirva de escaparate para amosar o talento de novos artistas
emerxentes galegos e para dinamizar a vida cultural e a economía da Estrada”.
Tamén estivo presente Marta Mariño, secretaria territorial da Delegación da
Xunta en Pontevedra, quen durante a súa intervención sinalou “o orgullo da
Xunta por ser partícipe dun evento que ten por máximas o apoio ao talento
galego e a promoción da igualdade no eido musical”.
Finalmente, Patricia Hermida, xestora de Dotbeat!, empresa organizadora do
festival, foi a responsable de desmiuzar a programación do festival e afirmou
que “esta cita vai a consolidar A Estrada como un punto a ter en conta no
ámbito dos festivais en Galicia”.
Ademais, a organización confirmou que nas vindeiras datas darán a coñecer os
horarios e a programación completa, e asemade sinalouse que o Campo da
Feira será novamente o escenario principal aínda que se está a estudar a
posibilidade de ampliar as actividades en novas localizacións.







































