Este xoves buscaremos no pleno da Estrada unha implicación seria e decidida do alcalde para solucionar esta inxustiza.
Logo das palabras do Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, a Plataforma de Emigrantes Retornados da Estrada somos moi pesimistas sobre os problemas que está a ter o noso colectivo de afectados por unha lei que se nos aplica retroactivamente e sen que antes mediara campaña de información algunha para o colectivo de emigrantes retornados.
O goberno central de Mariano Rajoy trátanos como se foramos defraudadores, aplicándonos multas abusivas e inxustas, cando non hai moitos meses aplicou unha amnistía fiscal a defraudadores profesionais multimillonarios que teñen os seus cartos en paraísos fiscais. Está claro, non somos todos iguais. Aos ricos aplícaselles a lei con toda benevolencia, aos pobres, aos que vivimos dunha pensión gañada logo de moito esforzo lonxe do noso fogar, o goberno deixa caer sobre as nosas costas todo o peso da lei.
A Plataforma de Emigrantes Retornados da Estrada, que traballa á par coa coordinadora galega constituída a semana pasada, traballaremos socialmente para presionar a este goberno e aos responsábeis institucionais do PP até conseguir unha solución política aos nosos problemas, porque está visto que é a única maneira de que se nos faga xustiza e non se nos trate como delincuentes.
Neste sentido anunciamos a intención da Plataforma de Emigrantes Retornados de acudir ao pleno do xoves 3 de outubro (20,30 horas) para solicitar o apoio do Alcalde ás nosas demandas. Sabemos, despois das declaracións feitas a semana pasada, que entende o noso problema, pero a nosa intervención no pleno irá no sentido de recadar propostas concretas do alcalde para dar solución aos problemas que nos están sacando o sono, tendo en conta que o Sr. López, a parte de rexedor municipal é tamén deputado provincial e membro da executiva provincial do PP.
Por outra parte, como a unión fai a forza, como tantas veces se ten demostrado, facemos un chamamento a todos os afectados do noso concello, e os que non o son, para que, de xeito pacífico e cívico, amosemos coa nosa presenza que non estamos dispostos a claudicar e que queremos unha solución na aplicación desta lei inxusta aprobada en 2006, pero non aplicada até este ano 2013, e que agora se nos esixe con carácter retroactivo.
Redacción: Plataforma de Emigrantes Retornados de A Estrada
Fotografía: Iria Eiras






































