● O edil de Medio Rural, Gonzalo Louzao, comprobou in situ o avance
dos traballos de repavimentado e limpeza de cunetas que se están
a executar nos lugares de O Tallo (Ouzande), Sorribas (Agar) e
Vinseiro e Vis de Baixetes (Vinseiro).
● A actuación está financiada con cargo aos fondos do Programa de
Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia.
● “Mellorar a mobilidade no rural é unha das nosas máximas polo
que xa estamos a analizar a situación en diferentes parroquias para
seguir executando intervencións que melloren os desprazamentos
dos seus veciños”, sinalou Louzao.
O Concello da Estrada avanza no seu
plan de mellora de mobilidade no rural cos traballos de repavimentado e
limpeza de cunetas en diversos puntos do termo municipal.
A actuación, incluída no Programa de Desenvolvemento Rural da Xunta de
Galicia 2023, supón tarefas de aglomerado en quente e limpeza de gabias nos
lugares de O Tallo, na parroquia de Ouzande; Sorribas, en Agar; e Vinseiro e
Vis de Baixetes, en Vinseiro.
O concelleiro de Medio Rural, Gonzalo Louzao, comprobou o avance duns
traballos que “permiten dar continuidade a unha das nosas máximas, a mellora
da mobilidade no rural estradense”. O edil tamén sinalou que “ademais destas
actuacións, xa estamos levando a cabo tarefas de análise en diferentes puntos
das parroquias para darlle continuidade á mellora de vías e accesos durante o
vindeiro ano”.







































