Na actualidade, a sinalización de parroquias e lugares xa está
completa no termo norte do municipio.
Os paneis que se instalarán no territorio restante atópanse en
proceso de fabricación e serán instalados ao longo da primeira
metade do 2024.
A actuación completarase coa numeración individualizada de cada
fogar e a instalación dun panel informativo en cada unha das 51
parroquias.
O ambicioso proxecto de sinalización
de todos os núcleos do rural estradense xa acadou o seu ecuador. En total a
actuación suporá a renovación dos paneis indicadores nas 51 parroquias e os
473 lugares que integran o Concello.
A intervención, valorada nun importe de 814.000 euros e financiada a través do
Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, suporá unha vez finalizada, a
instalación de ao redor de 2.000 sinais, ademais dun panel informativo por
parroquia con información sobre os puntos de interese, que se colocará nos
lugares máis sinalados de cada unha delas, e de placas con numeración para
cada vivenda. A maiores, colocaranse tamén sinais direccionais nos principais
cruzamentos dos lugares.
Deste xeito, na actualidade os traballos xa deron remate en todo o termo norte
municipal, onde se instalou unha sinal de inicio e outra de remate en cada
parroquia e unha ao comezo de cada lugar.
Pola súa parte, os indicadores que se instalarán no territorio restante xa están
en proceso de elaboración, e segundo as previsións, serán colocados ao longo
da primeira metade do 2024.
A intervención completarase con 51 paneis informativos, un por parroquia, no
que se incluirán datos de cada unha delas e de placas de numeración para os
fogares na que figure tanto o número de cada un deles como o nome da
parroquia e o lugar ao que pertencen e o escudo do Concello da Estrada.
O edil de Medio Rural, Gonzalo Louzao, destacou “o bo avance nos traballos
dun dos proxectos máis ambiciosos aos que facemos fronte dadas as
condicións do noso rural, xa que somos o municipio con máis núcleos de
poboación de todo o ámbito nacional”. Louzao tamén sinalou que “a
intervención responde á aposta pola promoción das particularidades de cada
parroquia e dos seus elementos naturais e patrimoniais”. O concelleiro apunta
que este proxecto culmina unha “demanda histórica de sinalización dos
diferentes núcleos do rural co que se mellorará a direccionalidade dos veciños
e veciñas e visitantes”







































