· O goberno local levou hoxe a xunta de goberno a aprobación da adxudicación definitiva deste servizo.
· Unha profesional ofertará este servizo desde este xoves, mediante cita previa, os luns e xoves en horario de 09.00 a 14.00 horas.
O Concello da Estrada contará novamente desde este xoves, día 1 de febreiro, cun servizo de asesoramento xurídico co que complementar a oferta do Centro de Información á Muller.
O goberno local levou esta mañá a xunta de goberno a aprobación da adxudicación definitiva deste novo servizo, o cal xa fora adxudicado de forma provisional das pasadas datas. Deste xeito, o contrato establecido suporá a contratación dunha profesional deste eido durante un período de dous anos, cun máis prorrogable, e unha asignación de 23.800 euros.
Grazas ao mesmo, o CIM seguirá ofertando asesoramento xurídico, un servizo que durante o ano pasado foi demandado nun total de 332 ocasións e que agora contará coa presenza dunha profesional deste eido que ofrecerá asistencia xurídica de balde os luns e os xoves en horario de 09.00 a 14.00 horas.
Na actualidade, dito servizo xa conta con numerosas citas axendadas, polo que as persoas que desexen acceder ao mesmo poderán facelo completamente de balde solicitando cita previa.
A edil de Servizos Sociais, Amalia Goldar, sinala a súa satisfacción por poder contar no CIM “cun servizo imprescindible tal e como reflexa o balance de todas as consultas recibidas durante o ano pasado”. “A asesoría xurídica é unha das demandas que máis recibimos, polo que reforzar esta área supón reforzar a atención a todas as mulleres estradenses e brindarlles un acompañamento de maior calidade”, indicou Goldar.






































