FOTO: FC CASTRO PHOTOGRAPHY
· O Principal acollerá esta fin de semana unha dobre cita, o sábado ás 20:00 e o domingo ás 19:00 horas.
· Aínda faltan por venderse ao redor de 100 localidades para a función dominical.
O musical Un médico na aldea co que Tequexetéldere e a Escola Municipal de Artes Escénicas lles renden homenaxe a Manuel Reimóndez Portela e ao seu fillo, Luis Reimóndez Fernández, vén de triunfar na súa estrea, celebrada este pasado sábado no ciclo de Convergências Portugal-Galiza que organizou a Cámara de Braga xuntamente coa Universidade do Minho e a Xunta de Galicia no Centro da Juventude de Braga.
As peripecias do médico dos pobres concitaron a aclamación unánime do público nunha actuación chea de nervios e emotividade.
Esta vindeira fin de semana Un médico na aldea poderá verse no Teatro Principal da Estrada.
A expectación que está a xerar esgotou, practicamente, as entradas do pase do sábado, ás 20.00 horas, e vai camiño de esgotar as do domingo, ás 19.00 horas, función da que restan pouco máis de 100 localidades por venderse das preto de 400 dispoñibles.
As persoas interesadas en acudir á función dominical aínda poden mercar as súas entradas no departamento de Cultura do Concello da Estrada a un prezo de 3,00 euros.







































