O Concello da Estrada vén de dar un paso decidido para
fomentar o mantemento das terrazas da hostalería ao longo de todo o ano. O pleno ordinario
correspondente ao mes de marzo brindou este xoves a aprobación dunha bonificación que se
introducirá na ordenanza municipal encargada de regular a ocupación da vía pública por parte
das mesas, cadeiras e outros elementos que conforman as instalacións que bares e restaurantes
empregan para sacar os seus negocios á rúa. O goberno local someteu a aprobación unha
redución do 30% nesta taxa para os establecementos que manteñan a súa terraza operativa
durante seis ou máis meses.
O executivo que encabeza Gonzalo Louzao quixo con esta proposta avanzar no proceso de
regularización iniciado en materia de funcionamento das terrazas no casco urbano. Dende o
goberno advertiuse esta necesidade despois de que actividade hostaleira nas vías públicas se
vise notablemente incrementada a raíz da crisis sanitaria do coronavirus, chegando
practicamente a duplicarse este tipo de instalacións en poucos meses.
Nos primeiros tempos da pospandemia o Concello da Estrada apostou pola flexibilidade, sendo
sensible co impacto que a excepcional situación ocasionou neste importante sector da economía
local. A taxa municipal quedou suspendida dende marzo de 2020 e foi a partires do 2022 cando
se resolveu comezar a ordenar o funcionamento das terrazas, que conviven co uso público das
diferentes rúas do casco urbano.
Censo de terrazas
Louzao Dono sinalou onte que o obxectivo da bonificación aprobada é fomentar o terraceo na
capital estradense, consciente de que as terrazas son cada vez máis demandadas polos
consumidores e que axudan a xerar ambientación na rúa. Deste xeito, o goberno busca con esta
redución do 30% na taxa municipal que estas instalacións se prolonguen o máximo posible no
tempo, beneficiando coa bonificación a aqueles hostaleiros que manteñan as súas terrazas
abertas un mínimo de seis meses. Ata o de agora, o período máis solicitado para este tipo de
instalacións viña sendo de maio a setembro.
O Concello da Estrada, a través do departamento que dirixe Óscar Durán, elaborou un censo de
terrazas, do que se pode extraer que nestes intres son máis de 40 as instaladas na Estrada, ás
que ao longo de 2024 se asociaron 237 mesas, cada unha delas cunha media de catro cadeiras.
“Fixemos os deberes. Ordenamos o casco urbano para unha convivencia harmónica en favor do
peón”, sinalou o alcalde, incidindo en que as obras de humanización efectuadas na vila
favorecen o asentamento e o goce das terrazas. Explicou o rexedor que o goberno baralla remitir
un oficio aos profesionais da hostalería para que efectúen a súas solicitudes e coñezan de
primeira man a bonificación á que poderán acceder no caso de que pidan manter as súas
terrazas ocupando a vía pública -sempre conforme as directrices establecidas ao efecto- durante
seis ou máis meses ao ano.
Cómpre sinalar que a bonificación aprobada non terá en conta o número de elementos que se
manteñan na rúa en cada terraza, senón os meses que esta permanece a disposición dos
usuarios.
Identificación
Por outra banda, o Concello promove a instalación dun cartel identificativo para cada terraza
instalada no casco urbano, de xeito que se favorecerá o control por parte dos axentes da Policía
Local. Esta documentación estaría colocada nun lugar visible do establecemento e incluiría datos
como a configuración da terraza ou os meses para os que esta consta coa correspondente
autorización municipal de instalación.
En materia de taxas, cada local hostaleiro abona unha taxa en función da rúa na que se atopa
instalada a súa terraza, distinguíndose a Zona A Especial (coincide cos espazos peonís), zona A
(rúas máis céntricas) e Zona B (periferia).
A ESTRADA APROBA UNHA BONIFICACIÓN DO 30% PARA AS TERRAZASHOSTALEIRAS INSTALADAS DURANTE SEIS OU MÁIS MESES
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































