• Francisca Torres Vázquez, de 94 anos, e Jesús Alberto López Brea, de
93, distinguidos como os estradenses de maior idade presentes nesta
xornada de confraternidade
• “Grazas pola vosa contribución a que A Estrada sexa o que é:un
concello próspero con moitos soños para seguir medrando, axudado
pola fortaleza de cada un de vós”, di o alcalde
• O Concello estuda as medidas a adoptar a raíz dunha incidencia
acontecida durante o servizo do almorzo
Máis de 700 persoas participaron hoxe nunha nova edición da
Festa do Maior, convocada polo Concello da Estrada a través do seu departamento de Servizos
Sociais. O encontro desenvolveuse no pavillón anexo ao Coto Ferreiro, ata onde se achegaron
veciños residentes nas diferentes parroquias do municipio para gozar desta xornada de
convivencia e festa na que honrar aos estradenses con máis anos de experiencia.
As portas abríronse ás 13.30 horas, cunha benvida aos asistentes, que non tardaron en sentarse
a degustar o menú preparado para a ocasión, consistente en entrantes, polbo, carne ao caldeiro
e sobremesa. Foi o momento do café o elixido para a entrega dun agarimoso recoñecemento
aos veciños de maior idade. Deste xeito, os representantes municipais entregaron un pequeno
presente a Francisca Torres Vázquez (de 94 anos e veciña da Estrada)
e a Jesús Alberto López
Brea (93 anos, cumprirá 94 en maio, e veciño de Pardemarín).
O bo humor e as gañas de confraternizar foron a nota predominante da xornada, que estivo
animada polo dúo cómico As Lerchas e a música da orquestra Os Satélites. O alcalde da Estrada,
Gonzalo Louzao Dono, quixo dedicar unhas palabras a todos os presentes, especialmente
dirixidas a agradecer a súa contribución ao crecemento e fortalecemento da sociedade
estradense. “Hoxe o Concello quixo reunirvos aquí porque sodes os máis sabios da Estrada.
Sabémolo, recoñecémolo e queremos gozar da vosa compañía e de todo o que cada uno de vós
nos aporta”, dixo. “Tamén vos citamos nesta Festa do Maior para darvos persoalmente as
grazas. Eu, como alcalde, non quero perder a ocasión de facelo: grazas pola vosa contribución a
que A Estrada sexa o que é, un concello próspero con moitos soños de seguir medrando,
axudados pola fortaleza de todos e cada un de vós”.
“Son un alcalde novo, en moitos sentidos. Non son un recén chegado á Alcaldía, pero teño 30
anos. Sen embargo, sempre tiven idade suficiente para saber que as persoas maiores son ás que
sempre hai que achegarse, con moito respecto e aínda máis admiración. É ao seu carón onde
atoparemos todo o que buscamos: a experiencia que só dan os anos, a aperta máis agarimosa e
mesmo esa sinceridade e autenticidade que só pode permitirse quen ten respecto pola vida,
pero xa lle perdeu o medo”, dixo tamén Gonzalo Louzao. O alcalde animou aos presentes a
seguir participando activamente na vida social e comunitaria do concello, “a seguir facendo
sociedade estradense e estradensismo”.
INCIDENCIA DURANTE O ALMORZO
Por outra banda, o Concello da Estrada estuda xa as medidas a adoptar a raíz do acontecido
durante o servizo do almorzo nesta Festa do Maior. No transcurso do mesmo, cando se estaba
servindo o último prato do menú, as racións existentes non foron suficientes para atender a uns
40 comensais.
Dende o goberno local lamentan profundamente que a empresa encargada do servizo non
estivese á altura do pactado e se xerase unha situación inesperada. Ante esta circunstancia,
actuouse con rapidez para minimizar as molestias, contando coa dilixente e profesional
colaboración do Restaurante Río Liñares, ao que o goberno lle quixo agradecer tanto a súa
disposición como a axuda.
O alcalde, Gonzalo Louzao, colleu o micrófono durante a comida para explicar a situación e pedir
desculpas. Sinalan dende o Concello que se investigará o sucedido e se tomarán as medidas
oportunas para esixir responsabilidades á empresa “por incumprimento do contrato”,
garantindo que este tipo de situacións non se repitan. O propio rexedor participou xa á xerente
da empresa no mesmo momento que a administración emprenderá accións tras estudar
pormenorizadamente os pregos.
A empresa responsable do servizo foi a escollida pola mesa de contratación como gañadora do
concurso público convocado, en cumprimento coa normativa vixente. Aínda que dende o
Concello se recoñece que o desexable sería poder ter contado cunha empresa da Estrada para
servir o almorzo na Festa do Maior, lembran a obrigatoriedade de que o proceso de contratación
se axustase ás esixencias legais establecidas, en observancia do importe e do número dos
comensais, cuestións que requiren un contrato aberto.
Finalmente, o goberno agradece a comprensión dos asistentes e reitéralle as súas desculpas.
“Lamentamos que nun día de homenaxe aos nosos maiores a actuación da empresa non estivera
a altura e non nos permitira cumprir coas expectativas”, dixo Louzao.







































