CITAN NA ESTRADA A 44 PROPIETARIOS NA PRIMEIRA XORNADA DE LEVANTAMENTO DE ACTAS PREVIAS Á EXPROPIACIÓNS POLA AG-59

 O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, visita a unidade instalada no
Teatro Principal, na que se xestiona o trámite da expropiación de 217
terreos para ampliar a autovía ata O Rollo, en Santa Cristina de Vea.
 Estiman que os bens afectados por esta nova fase da infraestrutura
correspóndense con arredor de 180 propietarios.
 As valoracións económicas chegarán nas actas definitivas, en agosto.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, visitou a
primeira hora de esta mañá o Teatro Principal no arranque do levantamento de actas
previas á ocupación de terreos necesarios para a construción dun novo tramo da autovía
AG-59, o mesmo que prolongará a infraestrutura dende Pontevea -onde rematarán as
obras agora en execución- ata O Rollo, na parroquia estradense de Santa Cristina de Vea.
A chegada ao municipio da vía de alta capacidade que conectará A Estrada coa capital
galega supón a expropiación de 217 parcelas, que pertencen a uns 180 propietarios.
Os afectados citados comezaron a presentarse nesta unidade técnica desprazada ata A
Estrada na mañá de hoxe e serán atendidos ata o xoves. Luns, martes e mércores haberá
atención de 09.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00. O xoves 27 o servizo funcionará só en
horario de mañá, de 09.00 a 14.00.
A atención puido arrancar con axilidade esta mañá, contando cos preparativos previos
por parte do Concello para os tres puntos informativos ata os que se están achegando os
propietarios destes predios. Nesta fase do trámite de expropiación, procédese á
identificación da propiedade e dos seus donos, informando aos afectados do alcance da
expropiación. Neste momento aínda non se establece un prezo, senón a superficie que
se vería afectada e todos os datos que se entendan oportunos, incluíndo as posibles
alegacións que queiran formular xa os titulares. Con todos estes datos elabórase a acta
previa, chegando a definitiva en agosto, xa coa correspondente valoración económica.

A edil de Urbanismo, Amalia Goldar, tamén se trasladou ata o Teatro Principal,
correspondéndolle a ela a sinatura como representante do concello onde se produce
esta expropiación.
Na xornada de hoxe estaban citadas 44 persoas para este levantamento de actas
previas. O xefe do executivo estradense puido falar persoalmente con algunhas delas,
ademais de interesarse cos técnicos sobre a marcha do procedemento. Ao acto deberán
acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa
debidamente autorizada para actuar no seu nome. Achegarán os documentos
acreditativos da titularidade, o documento nacional de identidade, así como certificado
de conta con códigos IBAN e BIC, a fin de realizar os sucesivos pagos que sexan
procedentes mediante transferencia bancaria.
A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario
correspondente están expostos no Concello de A Estrada e no Servizo Provincial da
Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra. Pode consultarse todo o referente a
este procedemento expropiatorio tamén en liña, na web da consellería
(https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/avisos?content=aviso_0364.xml) ou no
seguinte enlace:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250227/AnuncioG0181-180225-
0001_gl.html

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.