O que comezou sendo unha actividade temporal de substitución,
rematou por conquistar aos tres grupos de participantes, que piden que a
música e o baile galego impartidos por Tequexetéldere non cesen.
O Concello estuda encaixe orzamentario para a actividade xa no último
trimestre de 2025 e encadrala en firme no programa de 2026.
Pechan as sesións cunha improvisada foliada e unha merenda, con máis
de medio cento dos alumnos.
Estes grupos retoman o 1 de abril as interrompidas aulas de
Musicoterapia, que continuarán ata completar o mes de xuño.
O que comenzou sendo unha alternativa temporal,
rematou coa petición de que se converta en algo permanente. Un nutrido grupo de
maiores da Estrada puxeron este martes punto e final ás clases de música e baile
tradicional que o Concello convocou en substitución das aulas de Musicoterapia, unha
actividade na que se precisou facer unha parada puntual por motivos alleos á
administración. O que sucedeu foi que os participantes quedaron encantados e
“enganchados·”, de maneira que xa trasladaron repetidamente ao goberno local o seu
desexo de continuidade. O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e a edil de Benestar
Social, Amalia Goldar, confirmaron hoxe que o Concello está valorando firmemente
sumar esta proposta ao programa anual co que a institución municipal fomenta un
envellecemento activo e busca incidir na prevención da dependencia.
Da man da agrupación de música e baile tradicional Tequexetéldere, esta actividade
especificamente pensada para os maiores arrancou o mes de xaneiro. Tres meses
despois, este martes tocaba despedirse. Sen embargo, os maiores comezaron a desfilar
previamente polo concello para manifestar o seu desexo de continuidade, participando
aos dirixentes locais o felices que estaban con estas sesións. A petición foi unánime no
momento da despedida, que se preparou a xeito de improvisada foliada e merenda
compartida a base de café e chocolate.![]()
O alcalde visitou as aulas no Novo Mercado, acompañando á edil de Benestar Social. Alí
puideron pasar un tempo distendido cos 54 participantes e arrancarse tamén con
algunha peza ao son dos instrumentos que tocaron ao vivo para a ocasión diversos
integrantes de Tequexetéldere.
“Seguro que non pensaban que o baile galego fose para eles e agora dálles moita pena
deixalo”, sinalou o alcalde. Gonzalo Louzao quizo pór o acento en que ademais de
aliñarse co propósito de favorecer un envellecemento activo, esta proposta engade “un
ingrediente extra: o fomento e goce da nosa cultura”.
As peticións fixeron que Louzao e Goldar anunciasen hoxe que, á volta do verán, se
estudará se hai encaixe orzamentario para facer xa unha nova convocatoria no marco
deste exercicio. A maiores, a idea do goberno pasa por incluír música e baile tradicional
para maiores en 2026 “como nova actividade, non como substituta de ningunha outra”.
Muiñeira para Amparo
A xornada deixou moitas anécdotas. Entre elas a vivencia de Amparo, veciña de 88 anos,
que nos seus tempos mozos foi unha gran bailadora e que hai dúas décadas colaborou
con Tequexetéldere nas gravacións para a recollida, preservación e difusión da “Xota e
Muiñeira de Lagartóns”, a súa parroquia natal. Estas clases permitiron que Amparo
revivise e gozase o seu gusto por este baile. Os músicos interpretaron para desfrute dela
e todos os presentes a peza que axudou a conservar.
En total foron tres grupos diferentes os que se sumaron a esta proposta. Agora, coa
chegada do mes de abril, retomarán as clases de Musicoterapia, unha actividade que
goza tamén dunha moi boa acollida entre os maiores da Estrada. Estas sesións chegarán
ata finais do mes de xuño.






































