O presidente provincial, acompañado polo deputado Jorge Cubela, enmarca este apoio
na estratexia da Deputación de promover a programación de facilitar o acceso a actos
culturais de calidade á veciñanza da provincia “viva no concello que viva”
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou
este mércores aos membros da Asociación Cultural de Acordeonistas Estradense a aprobación no pleno
deste venres dunha subvención valorada en 15.000 euros para colaborar nos actos organizativos da cuarta
edición do Festival de Acordeóns Música no Camiño que promove cada ano este colectivo para dinamizar a
axenda cultural da Estrada e a súa comarca. Fíxoo nun encontro no Pazo provincial no que tamén
participou o deputado de Cultura, Jorge Cubela.
Este evento celebrarase o vindeiro sábado no Teatro Principal da Estrada. Unha programación que conta
con dous pases: o primeiro, ás 17.30 horas; e o segundo, ás 20.30 horas. Entre as agrupacións participantes
atópase a Orquestra Sinfónica de Acordeóns de Bilbao coma cabeza de cartel, acompañada pola Banda de
Acordeóns Metropolitana de Mos e o grupo estradense Os Lóstregos. Indican desde a organización que as
entradas están xa a venda por un prezo de 10 euros.
O apoio da Deputación a este evento de carácter musical enmárcase na estratexia do goberno que preside
Luis López de descentralizar do ámbito das grandes cidades os eventos culturais e promover a súa
organización, ben de actuacións musicais ou de calquera outra disciplina, nos distintos concellos da
provincia para achegar unha cultura de calidade de interese xeral a toda a veciñanza da provincia, “viva no
concello que viva”, subliña o presidente da Deputación, Luis López.







































