O edil estradense de Novas Tecnoloxías remarca a oportunidade que
brinda para apoiar os novos talentos, que poderían visibilizar a imaxe da
Estrada na nova web Xuventude da Deputación.
O certame ten unha categoría para as portadas do Espazo Deputación e
Espazo Concellos e outra de Recursos dos Concellos.
O edil estradense de Novas Tecnoloxías, Manuel
Magariños Maceiras, animou hoxe á mocidade estradense a participar no concurso
“Xuventude en E-Maxes”, convocado pola Deputación de Pontevedra e mediante o cal
se elixirán as imaxes que representarán os novos espazos da web de Xuventude da
institución provincial nos ámbitos Espazo Deputación e Espazo Concellos. .
O certame, cuxas bases foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra
(BOPPO) o 24 de marzo, chega dividido en dúas categorías: portadas do Espazo
Deputación e Espazo Concellos e Recursos dos Concellos. Na primeira delas poden
participar mozas e mozos de entre 15 e 35 anos empadroados nun concello da provincia
de Pontevedra. Entre as imaxes que se acheguen haberá unha persoa gañadora por
portada, que recibirá un premio de 300 euros.
No apartado de Recursos dos Concellos, escolleranse 61 imaxes que representarán cada
municipio da provincia. Poden participar centros públicos de Educación Primaria e
Secundaria con sede nalgún concello da provincia pontevedresa. Haberá un único
deseño gañador por concello, que se converterá na imaxe representativa do seu
municipio no novo Espazo Concellos.
Ademais, as 61 imaxes gañadoras formarán parte dunha exposición. De entre todas elas,
o xurado elixirá os tres mellores deseños da provincia, que recibirán os seguintes
premios: un primeiro galardón de 650 euros, un segundo de 450 e un terceiro dotado
con 300 euros.
![]()
Os interesados poden consultar toda a información de interese sobre o concurso nesta
ligazón da web da Deputación: https://www.depo.gal/-/concurso-xuventude-en-emaxes. O prazo para a presentación arranca o luns, 1 de abril, e chega ao 30 de maio.
Manuel Magariños animou á mocidade estradense a sumarse a unha iniciativa que,
incidiu, é unha boa oportunidade de apoio ao talento artístico da xente nova, ligando
este saber facer da xuventude á ocasión de sexan estes creadores novos os que dean
visibilidade ao Concello da Estrada na nova web Xuventude da Deputación.






































