SIDRA E SALMÓN REPRESENTARÁN AO CONCELLO DA ESTRADA NAFESTA DE EXALTACIÓN DO VIÑO DA ULLA, O DOMINGO 6 DE ABRIL

 A Estrada terá o seu propio lugar na mostra de municipios da Subzona
Ribeira da Ulla, da D.O. Rías Baixas.
 O restaurador Jaume García servirá racións co salmón como
protagonista e lagares de Maceira e Sidra escanciarán os seus caldos.

“A Estrada e Vedra son concellos veciños que se bañan
no Ulla. Compartimos moitas cousas e tamén queremos estar aí nun día tan grande
como o da Exaltación do Viño da Ulla, unha festa á que asisten cada ano moitos
estradenses”, apuntou o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono. Ademais de
confirmar a súa intención de secundar e respaldar esta convocatoria o vindeiro 6 de
abril, o rexedor avanzou hoxe que o municipio estará representado na Mostra dos
Concellos da Subzona Ribeira da Ulla a través de dúas das súas principais cartas de
presentación: a sidra e o salmón.
A festa arrancará en San Miguel de Sarandón o sábado 5 de abril, mais a representación
estradense concentrarase no día grande, o domingo 6. Será a mediodía cando se
produza a apertura da Mostra dos Viños da Ulla, amparados pola Denominación de Orixe
Rías Baixas dentro da Subzona Ribeira do Ulla. Será tamén nese momento cando
comencen a funcionar as casetas nas que se instalará unha mostra de diversos concellos
ribeiráns, entre eles o da Estrada.
Para configurar esta presentación do municipio estradense escolléronse dous produtos
que, por tradición, están presentes na gastronomía local: o salmón e a sidra. Aínda que,
lamentablemente, moito menos numeroso do que foi nas augas do Ulla, o salmón
integrarase como ingrediente principal nas propostas gastronómicas que ofreza in situ
aos visitantes o restaurador estradense Jaume García. Asemade, a asociación Maceira e
Sidra estará neste mesmo punto para escanciar sidras elaboradas nos lagares da Estrada,
un aperitivo para a propia degustación que o sector prepara cos caldos da tempada, que
se servirán a todos os asistentes á Feira da Sidra, o vindeiro 7 de xuño.

Non é a primeira vez que A Estrada está representada na Festa do Viño da Ulla de xeito
institucional. O ano pasado o municipio incorporou a unha das casetas da mostra
contidos promocionais e divulgativos sobre os recursos que estas terras ofrecen aos
visitantes. Este ano a presenza da Estrada nesta exaltación dos caldos que se producen á
beira da Ulla aumenta, reforzando as sinerxías entre concellos ulláns.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.