Sabemos que non é unha competencia municipal, pero o alcalde debe instar ás operadoras a mellorar estas infraestruturas, non só polo servizo básico que prestan, senón pola pésima imaxe que traslada do noso concello»
O BNG da Estrada xa ten denunciado en numerosas ocasións o estado das infraestruturas de telecomunicacións non noso concello, un feito que lonxe de mellorar empeora cada día que pasa.
Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xoán Reices, «a situación dos postes e dos cables de telefonía en moitas parroquias é case terceiromundista; hai postes tirados, cables polo chan, cables enmarañados anarquicamente… é a paisaxe que se aprecia en case todas as parroquias». «Hai casos especialmente escandalosos, como é o do lugar de Vera, en Santo André de Vea», explica, «alí os cables están tirados polo chan desde o mes de outubro que caeron por mor do temporal Kirk, que afectou o noso país». «Tamén podemos citar o caso de Fontenlo, en Couso, onde os postes e os cables de telefonía están rozando o chan e os postos inclinados sobre as fincas», afirma.
O concelleiro nacionalista indica que «aínda que a telefonía non é unha competencia municipal, o goberno do PP e en concreto o alcalde debería preocuparse por esta situación que non é que xa dea unha pésima imaxe do noso concello, é que afecta a un servizo básico dos veciños e veciñas; non é normal a situación que se dá na Estrada». «O alcalde ten que levantar o teléfono para chamar a Movistar e pedir que arranxen esta desfeita canto antes, que, por outra parte, tamén afecta ao servizo de fibra que presta A Estrada Dixital», afirma.
Problemas eléctricos







































